O BNG solicita información osbre a recadación de multas por sancións de estacionamento

adminON
Lectura mínima de 4

Os nacionalistas solicitan por Rexistro un informe da Policía Local sobre o recadado durante os meses de xuño, agosto en setembro en 2023, 2024 e 2025

Desde o Bloque inciden en que o informe policial é unha ferramenta efectiva para poder analizar as decisións adoptadas polo Goberno local nos últimos tempos en materia de estacionamento nos núcleos de Portonovo e Sanxenxo

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo vén de presentar por Rexistro un escrito no que solicite ao Goberno local un informe detallado sobre a recadación por sancións de estacionamento por parte da Policía Local durante os meses de xuño, agosto e setembro. A petición rexistrada polo Bloque non só se estende a este verán, senón tamén aos mesmos períodos nos anos 2023 e 2024.

Segundo explica o voceiro nacionalista, Fran Leiro, a raíz da implantación de novas limitaciones horarias e de estacionamento en varias zonas do concello “estamos a recibir un gran número de queixas e denuncias por parte de moitos veciños e veciñas das vilas de Sanxenxo e de Portonovo”. Neste último caso, un dos grandes focos de controversia está na restrición total de aparcamento para persoas non residentes na explanada situada no Seame. Tal e como se reflicte no documento remitido ao Concello, “os e as cidadás observaron un incremento significativo na cantidade de multas e sancións por aparcar na zona”. Ademais, esta situación tamén provocou “un gran malestar entre numerosos visitantes, debido a este motivo, o que xerou preocupación e inseguridade”.

O BNG explica que a razón pola que solicita os datos de sancións dos últimos tres veráns non é outro que “poder avaliar de xeito obxectivo o impacto destas novas medidas e analizar a súa eficacia”. O informe, sosteñen os nacionalistas, serviría para resolver dúbidas sobre a eficacia destas medidas adoptadas polo Goberno municipal. O Bloque confía en que a súa petición sexa tida en conta e poida recibir ese informe canto antes. “Consideramos que a transparencia é un piar fundamental na xestión dun bo Goberno. Os datos solicitados son esenciais para poder exercer a nosa función de control e fiscalización da acción do Goberno, así como para informar de xeito axeitado á veciñanza sobre a situación”. Sobre a situación do estacionamento en Portonovo, desde o grupo da oposición lembran que este segue a ser na actualidade un dos grandes motivos de preocupación para as persoas que residen na vila, como quedou patente nas reunións informativas convocadas polo BNG durante a pasada primavera. “Actuacións como a ampliación das zonas azuis ou a eliminación, sen previo aviso, das prazas de estacionamento que había nas inmediacións do Mirador da Peixeira agravaron, a xuízo de moitos e moitas residentes, este problema, algo que os datos da Policía Local poderán aclarar”, conclúe Fran Leiro.

Comparte este artigo