Lousame investirá case 100.000 € en obras de mellora en Millón, Ces, Outeiro e Gandarela

adminON
Lectura mínima de 2

O Pleno aproba en sesión extraordinaria os proxectos incluídos no POS+Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña

O pleno municipal de Lousame aprobou este mediodía en sesión extraordinaria os tres proxectos incluídos no POS+Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña, que suman un total de 99.980,84 euros. Unha cantidade que o Concello de Lousame destinará integramente á realización de tres proxectos de mellora no interior de Millón e nos viarios do campo do Agro de Vilas (Ces), de Outeiro a Marracín de Arriba e do camiño de Ces a Gandarela.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xustificou a convocatoria desta sesión extraordinaria no feito de que o prazo de presentación dos proxectos remata o 12 de setembro. En canto ás actuacións previstas, Vilaverde Pais explicou que “no caso da estrada entre Outeiro e Marracín de Arriba imos actuar nun tramo que afondou e onde haberá que facer un muro e consolidar a zona”. Neste sentido, indicou que se trata dunha actuación urxente xa que, aínda que a zona está ben sinalizada, búscase que o deterioro non vaia a máis e evitar tamén riscos, xa que o valado que sinaliza a zona mesmo foi roubado nalgunha ocasión.

Así mesmo, o Concello de Lousame aproveitará tamén para mellorar o interior da aldea de Millón, rematando así unha actuación anterior, e para mellorar o viario do campo do Agro de Vilas, en Ces, “para que un tramo onde se acaba de retirar un muro quede nas mesmas condicións co resto da zona”, sinalou a alcaldes. Finalmente, mellorarase o firme do camiño Ces-Gandarela, que dá acceso á depuradora xa que “hai vehículos que pasan por aí e porque facilitará tamén a realización dos traballos de mantemento na depuradora”.

A proposta da Alcaldía foi aprobada cos seis votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE (xa que tanto o voceiro socialista como o nacionalista non puideron asistir á sesión plenaria).

Comparte este artigo