A cita, que organiza o Club Deportivo Velle coa colaboración do Concello, da Deputación, da Xunta e de diferentes empresas, chega á súa 13º edición
Medio milleiro de nenos participarán na edición número 13 do Memorial Manolo Carrera de fútbol, que se disputará esta fin de semana (sábado, 6 e domingo, 7) no campo municipal de Velle. O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación do evento, na que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, os concelleiros Ana Fernández e Antonio Fernández, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez, o deputado provincial Jorge Pumar e o presidente do Club Deportivo Velle, que é a entidade organizadora, Paco Sotelo.
O torneo non terá este ano fase previa e adianta as súas datas de celebración aos días 6 e 7 de setembro porque a competición de fútbol desta tempada comezará xa a próxima fin de semana. Como en anteriores edicións, abrangue as categorías benxamín, que se disputará o sábado, e alevín, o domingo, con 16 equipos e 250 futbolistas cada xornada. Haberá partidos desde as 10.00 horas ata a gran final, prevista para as 19.30 horas, con descanso e xantar ao mediodía para participantes e familias.

