Entrará en servizo o 16 de setembro, durante a Semana da Mobilidade, cando as viaxes serán gratuítas
Fusiona as liñas actuais en 15 e mobilizará máis vehículos na rúa: 38 ao mesmo tempo
O Concello de Ourense presenta a nova rede de liñas de autobuses urbanos, que entrará en servizo o martes día 16 de setembro, coincidindo coa Semana da Mobilidade, unha celebración na que, como o ano pasado, o servizo de autobuses será gratuíto para toda a poboación. As novas liñas adaptan o seu deseño á cidade actual, ao tempo que se simplifica a rede, increméntanse os recursos e búscase blindar a puntualidade dos servizos.
Por unha banda, fusiónanse as 33 liñas actuais en 15 e utilízanse máis recursos. Poranse en circulación 3 vehículos más, de xeito que desde o día 16 de setembro nas vías haberá 38 autobuses de maneira simultánea, en vez dos 35 actuais. Por outra banda, a nova rede de liñas, logo de décadas sen mudar, busca unha mellora cunha adaptación á cidade actual. Por primeira vez, os autobuses circularán pola Ponte do Milenio, unha infraestrutura obviada pola anterior rede, pese a que data do ano 2001.
Unha terceira clave é que as novas liñas buscan garantir a puntualidade dos servizos, xa que os tempos están dimensionados con marxe, entre chegadas e saídas, no só para facer o percorrido en tempo senón tamén para que un atraso puntual nun treito non se arrastre no seguinte.
NOVA REDE DE LIÑAS (DESDE O 16 DE SETEMBRO DE 2025):
1-A: Troncal norte – sueste. Sexto Instituto – Barrocás. Coserá os barrios do Vinteún e A Ponte co centro, a Residencia e Barrocás. Terá frecuencia cada 30 minutos, que baixa a 15 ao ir sincronizada coa liña 1-B en practicamente todo o percorrido.
1-B: Troncal norte – sueste. Valdorregueiro- Barrocás. Idéntica á 1-A, agás nas paradas finais do Vinteún.
2-A: Troncal noroeste – sur. Santa Cruz – O Cumial. É a ruta máis longa (20 km), e unirá Santa Cruz de Arrabaldo coa UNED, a estación, o pavillón, o centro, a Residencia (á altura de Nosa Señora da Saínza), a Universidade Laboral, A Cuña e O Cumial. A frecuencia, cada 30 minutos, redúcese a 15 ao ir sincronizada coa liña 2-B nalgunhas paradas do treito común entre as dúas.
2-B: Noroeste – sur. Praza 200 – Tanatorio. Liña máis curta que a 2-A e con frecuencias similares.
5: Reza – Ceboliño. Esta liña clásica permanece, tamén coa súa numeración. Xa funciona cada 30 minutos desde hai unhas semanas. Une Ceboliño, A Rabaza, Universidade, Centro, O Couto, Vistafermosa e Reza. É o autobus que deben empregar as persoas usuarias das Termas de Outariz e do Muíño.
6: O Couto – As Curuxeiras. Ten algunhas similitudes coa actual liña 6. Pasará pola biblioteca e o auditorio (irá á Residencia por Pena Trevinca no canto do Progreso). Ademais, facilitará á veciñanza das Curuxeiras e Rairo un autobús regular cada 30 minutos. Por último, e non menos importante, é un servizo extra para San Francisco, un dos barrios peor conectados historicamente, que agora terán esta liña, ademais das 11 e 13, cunha frecuencia óptima. É unha conectividade inédita para a veciñanza do barrio. Esta liña podería mellorarse na fase II, en 2026, co futuro gran circular.
7: A Valenzá – Covadonga. Outra ruta clásica que mantén o seu número (7) e incorpora 2 variantes. Por unha banda, a frecuencia regular cada 30 minutos (introducida este verán) e un desvío de percorrido ente a Ponte Nova e Covadonga: agora atravesará toda a Avenida de Marín, conectando a estación e a rúa Quintián, tras a estación. Non pasará polo Parque da Ponte (este servizo cubrirano as liñas troncais 1-A e 1-B). Con este cambio búscase vertebrar a parte oeste do barrio do Vinteún conectando toda a contorna de Santa Teresita co centro de saúde da Ponte (que é unha demanda histórica da veciñanza).
8: Eirasvedras – Residencia, pola Chavasqueira e A Milagrosa. Redúcese a frecuencia á metade (30 no canto de 60 como antes) para a veciñanza da Cruz Alta e visitantes do Campo da Feira (as novas termas da Chavasqueira abren este outono). Ademais, a ruta ao hospital será máis curta para quen antes usaba a liña 18 (agora tamén poderá ir ao centro cada media hora).
9: O Polvorín – Cudeiro – Cemiterio – Velle. Liña provisional para dar servizo a estes puntos. Posiblemente sexa optimizada na fase II, en 2026.
10: Cabeza de Vaca – Velle. A liña número 10 actual mantense ata que rematen as obras na Avenida de Portugal. Variará na fase II.
11: Santa Mariña – O Viso (por Oira). Mellórase a frecuencia a 30 minutos nesta ruta clásica que cobre Oira, Santa Mariña, a estrada da Granxa e o barrio de San Francisco. Ademais prolongarase ata O Viso para conectar Oira co Sexto Instituto e O Vinteún.
12: Fechos, O Fonsillón, Rabo de Galo e Mende (actual C17). Mantense o mesmo servizo da C17.
13: Palmés – Universidade Laboral – A Cuña – Barrocás. Mellórase o servizo de Palmés, mantense un autobús cada hora como antes pero agora o autobús irá sempre á residencia e non como antes, que ía cada 2 horas. Tamén conectará o barrio de San Francisco co Centro de Saúde da Cuña e o barrio de Barrocás co dito centro de saúde e coa Universidade Laboral, que son outras grandes demandas veciñais nunca satisfeitas ata o de agora.
14: Nocturna. Conectará Valdorregueiro – Universidade Laboral /A Cuña (pola estación e Barrocás). Os dous autobuses do Moucho Bus usaranse para dispor dunha liña mellorada e poderase reducir a frecuencia as noites véspera de días non laborables, que antes estaba en 2 horas.
15: Tren Chuchú. Actual liña 19.

