- Ángeles Vázquez explica que se actuou nunha superficie de 13,5 hectáreas nun tramo de 3,5 quilómetros co obxectivo de dotar á veciñanza da cidade dun espazo de lecer verde moi próximo aos seus domicilios
- Estes traballos leváronse a cabo ao abeiro do proxecto Mil Ríos, que é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2022 cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos NextGenerationUE
A Xunta de Galicia vén de recuperar a contorna fluvial do río Lérez, ao seu paso polo Concello de Pontevedra, coa plantación de especies autóctonas de ribeira e a eliminación de invasoras.
Durante o percorrido que realizou esta mañá pola senda que transcorre entre a estación de bombeo de Monte Porreiro e a presa de Bora, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que o Goberno galego destinou máis de 250.000 euros á restauración fluvial desta contorna coa plantación de preto dun cento de exemplares de árbores autóctonas de ribeira -bidueiros e sabugueiros- e coa eliminación de especies exóticas invasoras como falsas acacias e mimosas.
En concreto, segundo dixo a conselleira, actuouse nunha superficie de 13,5 hectáreas nun tramo de 3,5 quilómetros co obxectivo de dotar á veciñanza da cidade de Pontevedra dun “espazo de lecer verde moi próximo aos seus domicilios”.
Esta actuación forma parte dunha acción máis ampla que, cun investimento de 425.000 euros, se levou a cabo ao paso do río Lérez polos concellos de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro. En total, recuperáronse 95 hectáreas ao longo de 18 quilómetros –contando ambas marxes do río-.
A conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, subliñou que estes traballos leváronse a cabo ao abeiro do proxecto Mil Ríos, que é unha iniciativa impulsada polo departamento de Medio Ambiente no ano 2022 cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos NextGenerationUE. O obxectivo é mellorar 470 quilómetros de medio cento de cursos fluviais pertencentes a 16 ríos e na lagoa de Cospeito para aumentar a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.

