Alberto Álvarez toma posesión como concelleiro no pleno da corporación

adminON

No pleno da corporación do Concello de Redondela tomou onte posesión da súa acta de concelleiro Alberto Álvarez Pérez polo grupo municipal socialista. Álvarez substitúe no goberno local a Pilar Martínez, que renunciou ao cargo por motivos de saúde. O novo edil, que xa formara parte da anterior corporación, levará as áreas de Medio Ambiente, Sanidade, Transición Enerxética, Participación Cidadá e Parroquias.
A súa incorporación supón algunhas modificacións na delegación de competencias do resto de membros do goberno local. Antonio Cabaleiro encargarase das concellerías de Emprego, Transparencia e Novas Tecnoloxías, Mercados, Urbanismo e Patrimonio. Rita Pérez Táboas asume as concellerías de Economía e Facenda, Persoal, Interior e Seguridade, Cultura e Turismo. A edil Iria Vilaboa segue á fronte de Servizos Sociais, Igualdade, Servizos Sociocomunitarios e incorpora Maiores e Infancia. Iván Valles mantén as mesmas concellerías de Deportes, Xuventude, Ensino e Conservatorio. O edil Pedro Villaverde levarás as áreas de Parques e Xardíns, Benestar comunitario e Feiras. Roberto Villar mantén sen cambios as concellerías de Infraestruturas e Sostibilidade (Vías e obras, alumeado público, abastecemento de auga e saneamento).
A alcaldesa, Digna Rivas, e o resto de compañeiros e compañeiras deron a benvida a Álvarez que xa formara parte do anterior goberno local. Rivas cualificouno como unha persoa “traballadora e comprometida coa tarefa de mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas”.

Comparte este artigo