Soutomaior prepárase para unha festa da ostra inclusiva e sostible  

Redacción
Lectura mínima de 6
  • A XXXVIII Festa da Ostra forma parte, un ano máis, do Plan de Sostibilidade das Festas de Galicia Suroeste.
  • “Soutomaior Inclusivo” estará presente nesta Festa con horario silencioso nas atraccións e acceso prioritario para as persoas con diversidade.
  • Unha festa que tamén contará co Punto Lila de atención e prevención da violencia de xénero e coa Caseta de Información Turística.

2 de abril. Mañá, venres 3 de abril, ao mediodía dará comezo  a XXVIII Festa da Ostra, será unha edición moi especial, xa que será a terceira que se desenvolva ao abeiro do programa ‘Soutomaior Inclusivo’, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Soutomaior co obxectivo de garantir a inclusividade e a igualdade en todas as actividades municipais.

Neste sentido, levaranse a cabo diferentes iniciativas e medidas durante os días que transcorra a festa esta fin de semana, medidas todas elas, que permitirán que todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición, poidan desfrutar ao 100% da Festa da Ostra. Unha das principais medidas que se levará a cabo é a instalación dun punto de apoio permanente que prestará axuda ás familias con menores con diversidades funcionais. Neste punto, situado a carón do dispositivo sanitario e de seguridade, facilitaráselles información sobre ‘Soutomaior Inclusivo’.

Tamén se lles prestarán cascos antirruído para que poidan desfrutar da zona de recreativos. Ademais, na zona de recreativos haberá horarios ‘sen ruído’: venres 3 de abril de 18:00 a 19:00h.; sábado 4 de abril de 12:00 a 13:00h. e de 18:00 a 19:00h.; domingo 5 de abril de 13:00 a 14:00h. e de 18:00 a 19:00h. e o luns 6 de abril (día do neno e da nena) de 17:00 a 18:00h.  Por outra parte, as nenas e nenos (ou o seu familiar) que teñan a pulseira de SOUTOMAIOR INCLUSIVO ou a tarxeta de discapacidade terán prioridade de acceso ás atraccións sen necesidade de facer cola.

En canto á zona da carpa principal, onde se levarán a cabo os concertos das orquestras o venres e o sábado e a lectura do pregón o domingo, habilitarase unha plataforma para que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar de maneira cómoda e accesible. Ademais, na lectura do pregón haberá unha persoa interprete da lingua de signos. Tamén para as persoas con mobilidade reducida habilitarase un aparcadoiro xunto á rotonda da Ostreira, sinalizado no Plan de Tráfico do Concello de Soutomaior.

Nesta XXXVIII edición da Festa da Ostra tamén contará co Punto lila. Atención e prevención de violencia de xénero e os horarios serán o 3 de abril de 23:00 a 04.00h., o 4 de abril de 12.00 a 15.00h. e de 22.00 a 04.00h. e o 5 de abril de 12.00 a 20.00h. E onde tamén estará presente a Caseta de Información Turística os días 3, 4 e 5 de abril que estará aberta en horario de 11:00 a 18:00h.

Unha Festa da Ostra sostible

Por segundo ano a XXXVIII Festa da Ostra forma parte do Plan de Sostibilidade das Festas de Galicia Suroeste.

Na festa haberá colectores para separar os residuos con sinaléctica por todo o recinto da festa, na carpa central tamén haberá illas de reciclaxe específicas para papel, plástico e orgánico. A maiores todo o persoal que traballa na festa está concienciado da necesidade e da importancia de separar os residuos nos colectores específicos para os desperdicios que se xeran durante estes días.

Programación

Este ano, tendo en conta que a festa cadra coa Semana Santa, como novidade as casetas abriranse o venres 3 de abril ás 12:00h. Unha xornada que tamén contará co concerto de “Chispas do Lérez” ás 12:30h. E, xa pola noite, contarán coas actuacións das orquestras “Olympus” e “Finisterre”.

O sábado, 4 de abril, a Festa continuará coa apertura das casetas ás 12:00h., o pasarrúas de Imperiais (dende o Calvario ata o Peirao) e xa pola noite chegarán as actuacións das orquestras Los Satélites e La Misión. Nesta xornada o concello tiña previsto a tirada de fogos de arteficio, pero un informe desfavorable de Costas (debido ao estar no Peirao en zona de rede natura), fai que non teña lugar esta tirada de fogos.

O  domingo 6 de abril o día comezará ben cediño ás 10:00 da mañá co pasarrúas da BANDA ARTÍSTICA DE ARCADE e BANDA CULTURAL DE ARCADE dende o Calvario ata o Peirao.

Ás 11:00 h. terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 13:00 h. terá lugar a lectura do pregón a cargo da nosa veciña  “María Codesido García”. Dende as 12:00 ata as 15:00h. a carpa do Peirao contará co directo de “Fernando Sánchez Jazz Quartet”: Xa pola tarde terá lugar a actuación de “Louoband” a partir das 18:00h. no Peirao de Arcade.

O alcalde, Manu Lourenzo, convidou a todo o mundo a que veñan a desfrutar do produto típico de Arcade durante os días 3, 4 e 5 de abril.

Comparte este artigo