O alcalde reclama de novo unha reunión co presidente da Xunta, pola que espera desde hai 5 meses: “é un menosprezo e unha discriminación”, asegura

adminON
Lectura mínima de 2

“Seguen no caixón todos os temas pendentes, investimentos e obras que desvían ás zonas xa máis ricas de Galicia, condenándonos a ser vagón de cola”, manifesta Gonzalo Jácome

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reiterou esta mañá a súa solicitude ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de manter unha xuntanza oficial para tratar proxectos estratéxicos para a cidade de Ourense.

Pérez Jácome lembra que desde o mes de abril ven solicitándolle ao titular do goberno autonómico a celebración desta reunión, por diferentes vías, tanto oficiais como extraoficiais, sen recibir resposta. “O presidente da Xunta segue negándose a recibir o alcalde da terceira cidade de Galicia. Os 5 meses transcorridos, e subindo, son sinal inequívoco da folla de ruta de Rueda para coa capital da provincia sen mar de Galicia: menosprezo e discriminación total”, asegura o alcalde.

Mentres, explica Pérez Jácome, “seguen no caixón todos os temas pendentes que urxen de Ourense, investimentos e obras que se postergan en Ourense e que se desvían ás zonas xa máis ricas de Galicia, condenándonos a ser vagón de cola, mentres esperan que nos conformemos con esmolas”.

O alcalde leva solicitando esta reunión desde o mes de abril de 2024. Fíxoo extraoficialmente na investidura do presidente da Xunta, tamén o solicitou a Alcaldía por vía telefónica, e reiterou a súa solicitude o día 8 de xullo a través dun correo electrónico remitido ao delegado da Xunta de Galicia en Ourense.

Gonzalo Jácome lembra que recentemente o presidente da Xunta expresaba a súa queixa por non ser recibido polo presidente do Goberno de España, malia terllo solicitado hai meses, e advirte: “o mesmo tempo leva esperando o alcalde da terceira cidade de Galicia para ser recibido polo presidente da Xunta”.

Comparte este artigo