O vicepresidente da Deputación entrega os premios aos centros escolares gañadores do Concurso Micromuseo

adminON

Alumnado do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, do CEIP San Clemente de Cesar, de Caldas de Reis,  e do CEIP Plurilingüe de Domaio, de Moaña, foron galardoados polos seus relatos audiovisuais sobre o Museo

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a responsable do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra, Sabela Santos Filgueira, entregaron hoxe os premios aos centros escolares gañadores do Concurso Micromuseo, convocado pola Deputación a través do Museo de Pontevedra e dirixido a centros escolares da provincia. Os gañadores foron grupos de alumnado do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, do CEIP San Clemente de Cesar, de Caldas de Reis,  e do CEIP Plurilingüe de Domaio, de Moaña.

As obras premiadas responden aos requisitos do concurso: microrrelatos en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 60 segundos, que teña como eixe temático ou argumental os distintos edificios que compoñen o Museo ou calquera das pezas expostas nel.  Deste xeito, un grupo de escolares do CEIP San Clemente de César, de Caldas de Reis, obtivo o primeiro premio da categoría correspondente a alumnado de 5º e 6º de educación primaria, co microrrelato “O Misterio de Sarria”, no que viaxan no tempo para desvelar o misterio da Estela de Sarria, unha das pezas máis destacadas da colección arqueolóxica do Museo de Pontevedra. Por este traballo, o centro escolar obtivo 1.000 euros, ademais de tabletas para os nenos e nenas do equipo e un lote de libros do Museo.

O segundo premio desta categoría foi para alumnado do CEIP Plurilingüe de Domaio, en Moaña, pola peza “O Morto”, que trae a memoria das persoas que perderon a vida polo levantamento militar franquista en 1936, a partir do debuxo ‘Galicia quedou sin mariñeiros’, de Federico Ribas Montenegro. O grupo recibirá cinco libros electrónicos e un lote de libros do Museo.

Por último, o primeiro premio da categoría correspondente á educación secundaria recaeu no alumnado do IES Pintor Colmeiro, Silleda, polo seu microrrelato “O Tesouro de Agolada”, no que explican visualmente o coñecemento existente sobre a aparición e orixe desde depósito arqueolóxico que forma parte da colección do Museo. O centro educativo recibiu  1.000 euros, ademais de tabletas para os nenos e nenas do equipo e un lote de libros do Museo.

Con este certame, o Museo de Pontevedra conmemorou o Día Internacional dos Museos, que tivo lugar o pasado 18 de maio baixo o lema ‘Museos pola educación e a investigación’. A temática deste ano coincidiu con dúas das máis importantes dos museos, que se poñen en práctica no Concurso Micromuseo, que fomentou a investigación sobre os fondos do Museo por parte da comunidade educativa.

Comparte este artigo