Ademais destes recursos o goberno provincial investirá outros preto de 2 millóns de euros na senda peonil de Marco-Tomeza e colaborará co Concello de Pontevedra en iniciativas deportivas e culturais
“A intención que temos desde a Deputación de Pontevedra é a de colaborar ao máximo co Concello de Pontevedra”, remarcou Rafa Domínguez, “e que se fagan as máximas obras e actuacións na miña cidade”
A Deputación de Pontevedra investirá 2,5 millóns de euros neste 2024 en obras na cidade de Pontevedra. Así o acaba de confirmar o vicepresidente Rafa Domínguez quen detallou que, xunto a estes recursos, o goberno provincial está tamén a investir outros preto de 2 millóns de euros na senda peonil Marco-Tomeza e a colaborar co Concello de Pontevedra en numerosas iniciativas do ámbito deportivo e cultural.
“Na última semana mantiven encontros co Concello de Pontevedra que permitiron desbloquear proxectos municipais financiados pola Deputación, nun clima de lealdade institucional e colaboración impecable”, asegurou Rafa Domínguez. “A intención que temos desde a Deputación é a de colaborar ao máximo co Concello”, remarcou o vicepresidente, “e que se fagan as máximas obras e actuacións na miña cidade”. Neste eido, detallou que cos 2,5 millóns de euros de financiamento da institución provincial Pontevedra poderá executar a nova iluminación do Burgo e Lérez, cun importe de 1,4 millóns de euros; o parque da Parda, cun investimento de 400.000 €; a cuberta de 12 de Novembro, con 200.000 €, a nave de piragüismo con 400.000 € e a reforma da Casa Consistorial con 100.000 €.
Tal e como explicou Domínguez, todas estas obras foron elixidas polo Concello de Pontevedra e, a partir de agora, será tamén o concello quen deba presentar “a documentación e, unha vez analizada, liberarase o crédito para dar comezo ás obras”. Neste eido, Domínguez adiantou a posibilidade de “ampliar a colaboración con outros temas que nos trasladen desde o Concello de Pontevedra”. “Imos intentar –engadiu- facer o máximo posible en Pontevedra sempre desde a lealdade institucional, a mesma que eu vou a esixir para proxectos que queremos promover nós na cidade como a reforma de Santa Clara ou a Bienal”.

