A candidata Carme da Silva reivindica máis peso político do Bloque nas Cortes para defender os dereitos das mariscadoras, ter avances no tren de proximidade e atender outras necesidades locais
“Só cos 4.000 millóns de euros que o Goberno destinou a gasto militar na última semana, o Salnés quedaría coma unha patena», di
O BNG quere ter máis peso nas Cortes para defender os intereses do Salnés. A cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, así o dixo hoxe en Vilagarcía, comprometéndose a traballar sen descanso e a ser “a voz forte que o Salnés necesita en Madrid” cunha maior capacidade para condicionar as decisións do Estado. Entre as iniciativas que afectarían á comarca citou a posta en marcha do tren de proximidade, a mellora das infraestruturas e moi especialmente a defensa das mariscadoras e dos seus dereitos. “Só cos 4.000 millóns de euros que o Goberno destinou a gasto militar esta semana no último Consello de Ministros, esta comarca quedaría coma unha patena”, asegurou.
Da Silva participou en Vilagarcía nun encontro cos medios para presentar as persoas do Salnés que forman parte das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado. Estivo acompañada por Duarte Correa, candidato ao Senado pola comarca, e por outros integrantes da lista nacionalista, pola deputada Montse Prado, así como por voceiros e integrantes da formación nos concellos da zona.
Sobre o Partido Popular, lembrou que Galiza xa coñece ben as súas políticas desde 2009, primeiro con Feijóo e agora con Rueda. Criticou que o PP reclame sacrificios á cidadanía mentres recorta servizos públicos e entrega cada vez máis prestacións sanitarias a empresas privadas. Tamén puxo dous exemplos do que considera ataques directos aos intereses galegos: a actuación do PP no Senado contra o tren de proximidade e o trato que da ao galego.
Explicou que o BNG conseguiu que a Lei de Mobilidade recollese o compromiso de estudar e impulsar este servizo en Galiza, unha demanda fundamental para o Salnés e para que Vilagarcía poida dispoñer dunha rede de comunicacións ferroviarias cotiás. “Que estea na lei significa que non depende da vontade dun goberno. E que fixo o PP? Presentou unha emenda para tachar Galiza”, explicou. O segundo exemplo é a lingua: o PP votou en contra de que se poida empregar o galego con normalidade no Senado e agora pretende limitar tamén ese dereito no Congreso.
A candidata nacionalista referiuse despois ao PSOE, ao que ironicamente chamou o Goberno máis progresista da historia. Destacou que desde o 25 de agosto os sucesivos Consellos de Ministros autorizaron máis de 12.000 millóns de euros en gasto militar, dos que 4.000 millóns saíron adiante na última semana. Unha cifra que Da Silva contrapuxo ao investimento que precisan a sanidade, a educación, a dependencia ou a vivenda e insistiu no que eses 4.000 millóns poderían supoñer para o Salnés: mellores conexións ferroviarias, mantemento das estradas e das infraestruturas, actuacións no porto e solucións para necesidades que levan anos sen atender. “Imaxinade como quedaría esta comarca con eses cartos. Quedaría coma unha patena, e seguro que aínda sobraba”, afirmou.
Mariscadoras
Unha das cuestións pola que máis preocupación amosou Da Silva é a situación das mariscadoras. Destacou que en Galiza hai 7.000 persoas que traballan no marisqueo contando a pé e a flote e que moitas están nunha situación de cese forzoso da actividade pola perda do recurso e polo estado das rías sen que teñan garantidos os seus dereitos laborais e de cotización.
Da Silva reclamou que se elimine a obriga de pagar as cotas da Seguridade Social durante os períodos nos que non poden traballar, mais sen que iso supoña deixar de cotizar ou perder dereitos. Tamén pediu recursos para estudar por que se está perdendo o recurso marisqueiro e para actuar sobre as causas. A candidata puxo un exemplo para explicar a falta de atención que sofre o sector: “Imaxinade que en Madrid houbese 7.000 persoas que quedasen sen traballo por unha situación climática, sen cobrar e sen garantías. Estarían nas portadas de todos os xornais. Pero son traballadoras galegas e parece que non existen”, afirmou.
“No BNG non queremos que as multinacionais invadan o espazo do marisqueo tradicional. Queremos garantir os recursos, as pensións e os dereitos das traballadoras. Non queremos que o noso mar acabe convertido nun museo etnográfico ou nun parque de atraccións», afirmou Da Silva.
Pola súa banda, Duarte Correa lembrou que foi necesaria a volta do nacionalismo galego ás Cortes para que os problemas de Galiza e do Salnés recuperasen presenza en Madrid. Citou o traballo de Néstor Rego no Congreso e de Carme da Silva no Senado en cuestións como as melloras ferroviarias, a dotación de persoal para o Instituto Social da Mariña, os dereitos das mariscadoras ou a oposición a novos proxectos que poderían prexudicar a riqueza da ría de Arousa.
Correa considerou que o 29 de novembro a comarca ten moito en xogo e que reforzar o BNG é a mellor maneira de conseguir que as súas necesidades se teñan en conta. “Se o nacionalismo galego non está alí onde se toman as decisións que afectan ao noso país e á nosa comarca, Galiza e o Salnés non existen”, advertiu.
Carme da Silva pechou a presentación reiterando o compromiso do BNG coa comarca e coa defensa dos intereses galegos nas institucións do Estado. «Comprometémonos a traballar sen descanso e a ser a voz forte que o Salnés necesita. Estamos falando das cousas de comer, do futuro e do traballo. Queremos que as nosas fillas e os nosos fillos poidan vivir e traballar con dignidade na súa terra», finalizou.

