O ALCALDE CARLOS COSTA PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DO CAMPOLA-DAMEDO TRAS O ÉXITO DO PASADO ANO E APOSTA POR CONSOLIDALO COMO UNHA CITA DE REFERENCIA NO OUTONO
Esta actividade combina misterio, lendas, tradición e participación veciñal e conta coa colaboración de numerosas asociacións do municipio.
O alcalde destaca que “a extraordinaria acollida da primeira edición demostrou que cando Concello e asociacións traballamos xuntos somos capaces de organizar grandes actividades que dinamizan o noso municipio e fortalecen a convivencia veciñal”.
6 de novembro de 2026.
O alcalde de O Campo Lameiro, Carlos Costa, presentou a segunda edición do Campola-Damedo, unha iniciativa promovida polo Concello que terá lugar este sábado 7 de novembro e que regresa tras o éxito acadado o pasado ano, coa intención de consolidarse como unha das citas máis singulares e participativas do calendario festivo e cultural do municipio.
Baixo o lema “Onde o medo desperta entre as pedras”, esta segunda edición volverá converter as rúas e espazos do municipio nun escenario de misterio, lendas e personaxes terroríficos, cunha programación que combina diversión, tradición e convivencia interxeracional.
O programa comezará ás 20:00 horas coa saída dun roteiro desde a Praza do Concello, no que os participantes vivirán unha experiencia ambientada no mundo do medo e das lendas, cun percorrido no que os espíritos, as sorpresas e os elementos máis inquietantes serán protagonistas.
A xornada culminará ás 22:00 horas coa celebración dun magosto popular, acompañado de música ambiente, lume e castañas, recuperando así unha das tradicións máis arraigadas da cultura galega.
Durante a presentación, Carlos Costa puxo en valor a excelente resposta que obtivo a primeira edición e destacou que esta segunda convocatoria pretende reforzar unha actividade que naceu coa vocación de implicar a toda a veciñanza.
“O éxito do ano pasado animounos a seguir apostando por esta celebración, que consegue reunir familias, nenos, mozos e maiores arredor dunha proposta diferente. Queremos que Campola-Damedo siga medrando e se converta nunha tradición propia do noso concello”, afirmou o rexedor.
O alcalde salientou tamén a importancia da colaboración do tecido asociativo local, ao que considerou fundamental para o éxito da iniciativa. “O Campo Lameiro conta cun movemento asociativo extraordinario, comprometido e participativo. Esta celebración é unha mostra de que a unión e o traballo conxunto permiten ofrecer unha programación atractiva, dinamizar o municipio e facer comunidade”, sinalou.
Costa incidiu en que o goberno municipal continuará impulsando actividades que favorezan a participación cidadá e contribúan a manter vivo o rural. “A nosa aposta é clara: queremos un concello activo, con propostas culturais e de lecer durante todo o ano, que xeren oportunidades de encontro e fagan de O Campo Lameiro un lugar cada vez máis atractivo para vivir e visitar”, engadiu.
AMPLA COLABORACIÓN DO TECIDO ASOCIATIVO
O Campola-Damedo está organizado polo Concello de O Campo Lameiro e conta coa colaboración do CD Campo Lameiro, a Coral Polifónica de Campo Lameiro, a Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña, a Asociación Xuve-Campola, a ANPA do Colexio Pedro Antonio Cerviño, a Asociación Andaina de Campo Lameiro, a Comparsa Os Solfamidas, a Charanga OT, a Asociación Canto de Taberna Sons do Peto, a Sociedade de Caza Refuxio Conla, a Asociación Monteiros de Penalba e a Asociación Veciñal e Cultural As 9 Aldeas de Couso.
O alcalde agradeceu expresamente a implicación de todas estas entidades, destacando que a súa colaboración resulta imprescindible para sacar adiante unha celebración destas características.
Finalmente, o Concello anima a veciños e visitantes a participar este sábado nunha nova edición do Campola-Damedo, unha experiencia que promete facer realidade o seu lema: “Onde o medo desperta entre as pedras”.

