O concello distingue a María Otero Oterodo na segunda edición do Premio 8M

adminON
Lectura mínima de 4

A entrega terá lugar o día 15 na Casa de Cultura de Riomaior nun acto que contará coa actuación da Aula de Piano da Escola de Música de Vilaboa

A Casa de Cultura de Riomaior acolle este venres día 15, ás 20 horas, a entrega do Premio 8M que nesta segunda edición distinguirá a traxectoria de María Otero Otero (Susa), coa que a Concellalía de Igualdade quere homenaxear a todas as mulleres anónimas que co seu quefacer diario e desde o anonimato facilitaron a incorporación da poboación feminina no rural ao mercado laboral.

Desde a estabilidade que lle garante a súa situación de xubilada, María Otero compartirá coas persoas asistentes ao acto deste venres a súa vida laboral en Pontesa, donde formou parte durante décadas dunha plantilla esencialmente feminina na cadea de producción. Desenvolvía a súa xornada na liña de fundido das unidades de porcelada coas que facían a vaixela, nas que a pasta era introducida en moldes especiais para cada peza. Máis tarde pasaría á liza de retoque, encargada de perfeccionar cada artigo antes da súa saída ao mercado.

Apenas cumprira 14 anos cando a situación económica na súa casa a forzou a ir traballar. “Son filla de solteira, algo que nunca me supuxo trauma ningún. Eu tiña na casa a miña nai e a miña avoa que me daban todo o que precisaba”, explica. Sen embargo ambas traballaban as terras e o campo e “faltaban cartos, efectivos, así que eu funme primeiro á fábrica do peixe e un pouco máis tarde a Pontesa”.

Con todo, recoñece que o traballo no agro “tírame, gústame”, e presume do ben que conduce o tractor polos camiños de Bértola, unha afición que comparte coa súa familia e cos seus tres nenos. E por suposto anima ás mulleres a poñerse ao volante de calquer vehículo “tanto para o traballo no campo como para o transporte de mercancías; gústame velas conducindo camións”. Para María Otero non hai profesións ou tarefas que lle estén reservadas aos homes. “Nós podemos facer o que queiramos, pero o máis bonito é que nos guste o que estamos a facer”.

Recoñece que agora xa traballa o campo máis por devoción que por necesidade. “Pasoo ben en contacto coa terra”. E sen deixar de sorrir, asegura que gozar dos seus netos é o que máis lle gusta da súa actual etapa da vida. “Traballo na casa e máis na terra, pero non paro de facer cousas e gústame levar os rapaces comigo”. Non oculta que a súa traxectoria laboral foi dura pero síntese moi satisfeita do resultado e sobre todo da familia que formou xunto ao seu home, co que leva xa compartidos 44 anos e de quen di que “sempre me apoio en todo”.

María Otero recibirá o seu premio de mans do alcalde de Vilaboa, César Poza, e da concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, nun acto que contará tamén cunha actuación musical a cargo da Aula de Piano da Escola de Música de Vilaboa, dirixida pola profesoral Michelle Pena González.

Recibirá unha escultura da colección “Muller das Salinas”, que representa unha figura feminina erguida cunha pá para achandar o sal na man, en referencia ao traballo que facían as mulleres nas Salinas de Vilaboa. A súa autora é Irene Silva Xiráldez que creou esta figura exclusivamente para o Premio 8M.

Comparte este artigo