O Museo organiza dous obradoiros de linogravado: un para nenas e nenos de 9 a 15 anos en Semana Santa e outro para persoas adultas a primeira semana de abril

adminON
Lectura mínima de 3

A inscrición ao obradoiro infantil abre este martes 5 de marzo ás 9:00 h e pode formularse a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros co título ‘Castelao e o linogravado’, nos que as persoas participantes introduciranse nesta técnica de estampación. O primeiro obradoiro é o que está dirixido a nenas e nenos de 9 a 15 anos, que se desenvolverá durante as mañás do luns, martes e mércores de Semana Santa (25, 26 e 27 de marzo, de 11:30 a 13:30 h). Haberá 15 prazas dispoñibles que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Para apuntarse hai que escribir a reservas.museo@depo.gal a partir deste martes 5 de marzo ás 9:00 h, indicando o nome e idade da nena ou do neno e incluíndo un número de teléfono de contacto.

O obradoiro será impartido por Nelson Gómez Callejas e Pilar Delmas Filgueira e nel farase unha introdución ás características desta técnica. Tamén se explicará a súa importancia en Pontevedra, onde foi introducida por Castelao, logo da súa viaxe por Europa en 1921, e a súa continuidade na cidade grazas a Luis Pintos Fonseca e ás ilustracións das revistas Cristal e Spes.

Durante o obradoiro, as e os participantes coñecerán a técnica do linóleo e a obra de Castelao baseada nesta técnica e a doutros artistas que se inspiraron no artista de Rianxo. Ademais, aprenderán a facer rexistros, seguindo os pasos das litografías, achegaranse ao mundo da caligrafía e realizarán os seus propios gravados con linóleo que estamparán en papel ecolóxico e nunha bolsa de tea ecolóxica.

Obradoiro para público adulto
Á semana seguinte, terá lugar un segundo obradoiro de linogravado, esta vez dirixido a público adulto. Será os días 1, 2, 3 e 4 de abril, de 17:00 a 19:30 h, cun total de 10 horas de duración. Neste caso tamén haberá 15 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición escribindo a partir do martes 12 de marzo ás 9:00 h a reservas.museo@depo.gal, indicando o nome e número de teléfono de contacto.

Comparte este artigo