O PP de Pontevedra denuncia a actitude “caciquil” de Lores ao incumprir os acordos plenarios

Redacción
Lectura mínima de 4

• Pepa Pardo lembra que o alcalde perdeu as eleccións municipais de 2023 e que só un pacto de perdedores co PSOE permítelle “campar ás súas anchas, crendo que o Concello é o seu casarío particular”

• Das 67 mocións do PP de Pontevedra aprobadas no mandato actual, 42 saíron adiante por unanimidade e tan só se executaron unha porcentaxe mínima delas: “O cumprimento dos acordos non é unha opción política, é unha obrigación democrática”

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo denunciou a nula execución dos acordos aprobados no Pleno municipal por parte do goberno minoritario do BNG e de Miguel Anxo Fernández Lores: “O Concello non é o casarío particular do alcalde, polo que poida campar ás súas anchas. Lémbrolle que perdeu as eleccións municipais de 2023, e que só un pacto de perdedores co PSOE mantívolle no cargo”.

A número dous dos populares explicou en rolda de prensa que das 67 mocións do PP de Pontevedra que se aprobaron durante o actual mandato, 42 saíron adiante por unanimidade e que tan só se executaron unha porcentaxe mínima delas. “O incumprimento sistemático dos acordos vulnera de forma directa os principios esenciais dun Estado de dereito e o respecto democrático das institucións”, asegurou na rolda de prensa de presentación dunha moción sobre este asunto, que será debatida no próximo Pleno, tras a abstención de BNG e PSOE na comisión informativa celebrada este mércores.

O obxectivo da proposta é esixir o cumprimento efectivo dos acordos adoptados polos tres partidos políticos que representan a todos os pontevedreses: “O problema transcende a discrepancia política. O cumprimento das mocións que se aproban, especialmente as que se adoptaron por unanimidade, non é unha opción política, é unha obrigación democrática. Non facelo supón un grave quebranto dos principios democráticos e implica un desprezo absoluto cara á vontade maioritaria dos pontevedreses” ao ser o Pleno o máximo órgano de representación da cidadanía.

Pardo lamentou a actitude “caciquil” de Lores, que “baleira de contido o papel da oposición e contribúe á deterioración da calidade democrática do Concello de Pontevedra, ao reducir a participación política a unha mera aparencia, porque o que se está aprobando non se está executando”, recalcou.

Entre as 67 propostas do PP de Pontevedra aprobadas polo Pleno, a edil popular citou a reapertura de Raíña Victoria e a reordenación do tráfico en San Roque; a eliminación de lombos nas vías sanitarias; a posta en marcha de autobuses lanzadeira ao Hospital Montecelo, a creación dunha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero ou a humanización dos barrios da Parda, A Seca e Monte Porreiro. “Moitos destes acordos foron aprobados por unanimidade e están gardados nun caixón”, criticou.

Por todo iso, na moción que defenderá no Pleno municipal do 27 de abril reclamará que o Goberno local execute os acordos aprobados, informe periodicamente en comisión sobre o seu estado de cumprimento e publique toda a información na páxina web do Concello de Pontevedra, para mellorar a transparencia cidadá.

Comparte este artigo