A falta de dúas semanas para o remate da campaña, a III Ruta Pinchoterra acada un novo récord chegando ata o momento ós 15.000 pinchos en seis días. A nova edición supera xa as cifras totais da segunda edición demostrando unha vez máis que a nosa hostalaría ten moito que ofrecer.
En total son 24 os locais participantes na ruta que se atopan tanto no centro coma nas parroquias e que apostan por propostas gastronómicas diferentes incluíndo opcións tanto veganas, como vexetarianas e sen glute.
Todas aquelas persoas que queiran participar aínda están a tempo. Ata o vindeiro 1 de maio, todos os xoves e venres, os locais ofrecerán os pinchos no horario que figura na web da ruta.
Para coñecer os locais, os pinchos e os premios só hai que entrar en pinchoterra.concellodesalvaterra.com e descubrir máis da ruta que xa conquistou o paladar dos veciños e veciñas de Salvaterra e tamén da comarca e do país veciño.
Recordamos que para participar cada consumidor deberá recoller o seu pasaporte nos locais adheridos e conseguir un total de 4 selos (4 pinchos diferentes), cubrir os seus datos persoais, contestar cal foi o seu pincho favorito e depositar o pasaporte nas urnas que atoparán nos locais. Así entrarán no sorteo dun primeiro premio de 200 euros, un segundo de 100 e un terceiro de 75 euros para consumir nos locais adheridos, 24 premios máis aportados polos establecementos e 10 Bonos para o Espazo Termal de TeánsOleiros.

