● De novo as tendas abrirán ata as 0:00h venres e a praza Antonio Palacios convertese nunha gran pasarela ao aire libre o sábado
Esta fin de semana O Porriño volve ser o epicentro da moda galega da man do comercio local. Unha cita, a Fashion Weekend, que chega á súa cuarta edición consolidándose no calendario como o gran escaparate da vitalidade e o potencial económico da vila. Nesta ocasión, 27 tendas e 10 perruquerías e salóns de peiteados participan no evento, que inclúe de novo a Shopping Night o venres pola noite, con tendas abertas ata as 00:00h, e un gran desfile o sábado ás 17:30 h, convertendo a Praza Antonio Palacios nunha gran pasarela ao aire libre.
O evento presentouse este martes no Concello do Porriño coa presenza do tecido comercial local, aos que o alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu o seu esforzo e implicación nesta actividade asegurando que esta fin de semana nada tiñan que envexar a Milán ou París, pero sobretodo destacando que “un municipio con un comercio forte é un municipio vivo, porque mercar no comercio local fortalece non só a nosa economía, senón tamén a cohesión social”, apuntou, destacando que “no Porriño non temos por que desprazarnos para atopar o mellor no ámbito da moda, nin tampouco o mellor no ámbito da atención”. Xunto a el, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, puxo o foco na importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar a vila e atraer visitantes, destacando tamén o labor dos comerciantes. “Queremos que a xente non só veña mercar, senón que viva a experiencia de sentir unha vila vibrante, moderna e chea de oportunidades.”
Programación destacada
A fin de semana arrancará o venres 24 de abril coa celebración da Shopping Night, unha noite na que os establecementos comerciais da vila non só abrirán as súas portas en horario especial, ata as 00:00 h, senón que ademais ofrecerán descontos, sorteos, agasallos e outras sorpresas. A música será protagonista tamén durante a noite coa presenza de seis DJ’s que amenizarán as principais rúas da vila e encherán O Porriño de ambiente festivo. Durante este evento repartirase material promocional do Concello, incluíndo bolsas en cada comercio e rifas para os sorteos que terán lugar o sábado.
O sábado 25 de abril será o momento da Fashion Night, cun desfile de luxo presentado de novo este ano por Lucía Rodríguez, coñecida presentadora galega. Sobre a pasarela estará a escola de modelos Small Big Models, lucindo artigos dos establecementos participantes. Tamén o sábado haberá un espectáculo de performance con Pablo Méndez, música da man de Maison e algunha sorpresa que non se pode desvelar de momento.
O Porriño non envexa nin a Milán nin a París como asegura o alcalde. Esta fin de semana os amantes da moda teñen unha cita co municipio.

