A Igrexa Parroquial de Santa María de Oia acolleu o venres un solemne acto institucional e musical con motivo da doazón dun órgano artesanal por parte da familia Barja ao patrimonio eclesiástico local. O evento, organizado pola asociación Coro Ensemble Vocal Ángel Barja, integrouse na programación do VIII Centenario da Catedral de Tui e no programa Ai Ondas, patrocinado pola Xunta de Galicia.
O instrumento é unha obra de artesanía única, elaborada en 2005 por José Barja Iglesias, sacerdote redentorista falecido en 2017. Tras anos de coidado persoal e uso nas súas propias composicións, a familia cumpriu a vontade expresa do autor: que o órgano fose destinado a un centro relixioso.
Atendendo á xenerosidade da súa irmá, Pepa Barja, e do resto dos seus achegados, a Igrexa Parroquial de Santa María de Oia recibe este instrumento para o goce de todos os fieis e visitantes, co firme obxectivo de outorgarlle o valor histórico e cultural que merece.
Durante o transcurso do acto, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, tomou a palabra para resaltar o valor simbólico da doazón e agradecer o enriquecemento que este xesto supón para o patrimonio do municipio: “Hoxe é un deses días nos que para nós a palabra agradecemento cobra un sentido especial. Reunidos nesta igrexa para acoller un instrumento que non é só música: é memoria, patrimonio, cultura, xenerosidade. A doazón deste órgano, elaborado con mestría por José Barja Iglesias, é un xesto que honra á súa familia e enriquece ao noso concello”, asegurou.
A rexedora estendeu a súa gratitude a Alberto Abal, director do coro, polo seu constante labor cultural, e sinalou que a localización do instrumento é idónea pola historia do templo e o tránsito diario de peregrinos. Así mesmo, destacou que o párroco Don Daniel Goberna, posuidor dunha ampla carreira musical, será o mellor garante para que o órgano manteña a súa vitalidade neste novo espazo.
Programa musical e recoñecemento
A xornada iniciouse na nave central da igrexa cunha interpretación de música sacra a cargo do tubista Edgar Dutary, acompañado ao órgano eléctrico por Leisbert Antonio Moreno e as voces do Coro Ensemble Vocal Ángel Barja.
A continuación, tomaron a palabra Alberto Abal e a alcaldesa. En sinal de recoñecemento, o párroco e a rexedora fixeron entrega dunha peza de Sargadelos coa figura de Rosalía de Castro a unha emocionada Pepa Barja. O peche do acto permitiu aos asistentes comprobar a excelente sonoridade do órgano tras a súa instalación, con pezas interpretadas por Moreno e a participación do párroco no canto gregoriano.
Coa fin de preservar esta herdanza, a Parroquia de Santa María de Oia, o Concello e o Grupo Ensemble manifestaron a súa intención de establecer un concerto anual extraordinario en honra aos irmáns Pepe e Ángel Barja.

