O senador José Crespo sinalou que o Goberno impugnou o Plan de Choque de Dependencia e Discapacidade da Xunta, aínda que logo o replica coa súa lei, na que non recoñece os dereitos tributarios das persoas discapacitadas
“A suspensión prexudicou ao redor de 3.000 persoas dependentes que viron suspendido o seu procedemento e víronse obrigadas a esperar por unha valoración que xa tiñan acreditada. Un atasco maiúsculo, provocado exclusivamente pola impugnación do Goberno”
O senador do Grupo Parlamentario Popular, José Crespo, criticou duramente ao Goberno polo seu afán recadatorio nun caso no que se prexudican a miles de persoas dependentes, tras a paralización do Plan de Choque de Dependencia e Discapacidade da Xunta que beneficiaba a 12.600 persoas: “O Goberno impugnou un sistema que se adopta noutros territorios e que el mesmo copia, iso si, sen recoñecerlle os dereitos tributarios”.
“A suspensión prexudicou ao redor de 3.000 persoas dependentes que viron suspendido o seu procedemento e víronse obrigadas a esperar por unha valoración que xa tiñan acreditada. Un atasco maiúsculo, provocado exclusivamente pola impugnación do Gobierno”, indica Crespo.
Incidiu en que o proxecto de lei está “feito de costas ás Comunidades Autónomas e dos concellos, que somos os que xestionamos”, e suxiriu que: “O seu ministerio debería impulsar políticas para unha sociedade máis xusta e inclusiva e está a facer xusto o contrario. Copien á Xunta e acertarán, aínda que recaden un pouquiño menos”.
Crespo exprésouse así no Pleno do Senado, tras preguntar ao ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, como valora que o Goberno, tras a impugnación da homologación automática entre dependencia e discapacidade aprobada pola Xunta de Galicia, posteriormente incorporase unha medida similar, pero sen recoñecerlle os efectos tributarios asociados.
O senador popular subliñou que o que o Goberno quere é “recadar o máximo e cando toca favorecer aos débiles, mira para outro lado”; lembrando que o procedemento da Xunta mellorara a vida de miles de persoas, xa que eliminaba a burocracia e permitía recoñecer a discapacidade de xeito automático a quen xa tiñan recoñecida a dependencia.
As contradiccións do Goberno
Recalcou a contradición do Gobierno ao decidir recorrer ante o Constitucional a norma galega, para máis tarde, replicalo na reforma da Lei Xeral das persoas con discapacidade e a súa inclusión social: “O que pretenden é establecer unha homologación da discapacidade, pero sen asumir os descontos tributarios. É unha norma descafeinada. O Goberno non está a facer ben o seu traballo”, asevera.
“Sempre están a dar leccións e carnés de quen é ou non solidario, pero despois practican todo o contrario, tanto en temas como este, onde aos independentistas lle dan todo, aínda que iso supoña a maior afronta en solidariedade”, expuxo.
O senador por Pontevedra explicou que o Plan de Choque da Xunta de Galicia produciu un aforro para as persoas dependentes e discapacitadas de máis de 114 millóns de euros, “que o Estado deixo de ingresar e que quedaron no peto das persoas vulnerables”.
Neste sentido, Crespo considera que o que pretende o Goberno aprobando o proxecto de lei é “presentarse como os grandes defensores das políticas sociais”, pero en realidade o que busca é recadar por mor das persoas dependentes: “Unha vez máis, concédense dereitos que teñen que pagar outros. A política do ‘eu convido e ti pagas’. A esquerda neste país practica a política de ‘facer o que eu digo, pero non é o que eu fago’”.

