● O Concello recibe unha subvención de máis de 450.000 euros para formar a 20 persoas desempregadas en especialidades forestais e tecnolóxicas
● Os interesados poden inscribirse xa na oficina de Emprego
O Concello do Porriño dá un paso máis na súa aposta pola formación profesional e a inserción laboral coa posta en marcha do novo obradoiro dual de emprego “O Porriño Eco-Necta”. Este proxecto, que conta cun investimento de 454.552 euros concedidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración , permitirá que 20 veciños e veciñas do municipio accedan a un contrato de traballo de nove meses mentres se forman en sectores con alta demanda.
Melloras directas nas nosas parroquias
Un dos piares fundamentais deste obradoiro será a especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Desde o goberno local destacan o impacto positivo que esta formación terá nas parroquias. Os alumnos-traballadores realizarán tarefas esenciais para a seguridade e o mantemento do contorno, tales como:
● Limpeza e accesibilidade: Mantemento de camiños municipais, marxes e drenaxes nas parroquias de Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño.
● Prevención de incendios: Traballos forestais en parcelas municipais e o mantemento das faixas secundarias de titularidade pública en Atios, Budiño e Pontellas.
Novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía
Ademais da vertente forestal, o obradoiro inclúe a especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, na que outros 10 alumnos traballarán na creación dunha nova App municipal para mellorar a comunicación directa entre a cidadanía e o Concello.
Inscrición aberta na Oficina de Emprego
O proxecto arrancará oficialmente o vindeiro 1 de xuño de 2026. Todas as persoas interesadas en participar neste programa formativo e de emprego poden acudir xa á oficina de emprego para solicitar a súa inscrición ou verificar que figuran como demandantes nas especialidades mencionadas.
“Con esta iniciativa, O Porriño non só ofrece unha oportunidade de futuro a persoas en desemprego, senón que inviste no coidado do noso patrimonio natural en todas as parroquias e na modernización dos servizos municipais”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.

