O Porriño celebra no parque Alba de Torneiros a V Xuntanza Literaria: unha xornada adicada á lectura en galego

Redacción
Lectura mínima de 4

● Máis de 400 persoas participarán o 24 de abril nun encontro interxeracional que reivindica a lectura en galego como ferramenta de unión e inclusión

● Haberá música, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

O parque Alba de Torneiros converterase o vindeiro 24 de abril nun gran espazo de encontro arredor da palabra. Alí máis de 400 persoas —entre alumnado, profesorado, persoas maiores e usuarios de entidades sociais— daranse cita na V Xuntanza Literaria, unha iniciativa que medra ano tras ano e que consolida ao Porriño como referente na promoción da lectura en galego. Impulsada polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e a OMIX, en colaboración cos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, a xornada desenvolverase de 10:30 a 13:00 horas cun programa que mestura lectura, convivencia e expresión artística.

A mañá comezará coa chegada das persoas participantes e dará paso a un tempo compartido de lecturas individuais e colectivas, recomendacións literarias e intercambio de experiencias. Un exercicio colectivo no que a lingua galega será o fío condutor, unindo xeracións distintas nun mesmo espazo e arredor dun mesmo interese: o pracer de ler.

Nesta edición volverán estar presentes centros educativos de todo o municipio: o CPR Santo Tomás, o IES Pino Manso, o CEIPP Fernández López, o CPR Hermanos Quiroga, o CEIPP Antonio Palacios, o IES Ribeira do Louro, o CEIP da Cruz-Budiño, o CEIPP de Atios e o CEIPP da Ribeira— xunto con entidades como ACEESCA, o Centro de Día de Torneiros e a Asociación AFAGA, reforzando así o carácter inclusivo desta cita.

A música, como extensión natural da palabra, terá tamén o seu espazo a partir das 12:00 horas coa actuación “Isto é Rock!”, un concerto didáctico para toda a familia a cargo de Javier Becerra e Carolina Rubirosa. Un espectáculo pensado para achegar a música dun xeito próximo e participativo, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

A Xuntanza Literaria celébrase coa vontade de fomentar o uso da lingua galega e o hábito lector entre a infancia e a mocidade, pero tamén de tender pontes entre xeracións, promovendo a transmisión cultural e a inclusión social a través da cultura. Un encontro no que a lectura deixa de ser un acto individual para converterse nunha experiencia compartida.
“Esta actividade busca fomentar o hábito lector entre a mocidade, así como impulsar a creatividade e a capacidade de expresión do alumnado. É importante crear espazos de encontro arredor da literatura, favorecendo a participación activa dos escolares e o seu achegamento á cultura dun xeito lúdico e enriquecedor”, sinala a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas.

Con esta quinta edición, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa lingua galega e coa cultura como ferramentas de cohesión social, facendo da lectura un punto de encontro aberto, diverso e vivo.

Comparte este artigo