Maxia entre libros no Rosal cunha nova aventura dos Venres Rebuldeiros

Redacción
Lectura mínima de 2

A biblioteca acolle este 24 de abril ‘Segredos encantados’, un contacontos de Eu Creativa para rapazada de 6 a 12 anos. Ás 18.00 h con entrada de balde

Os libros gardan portas secretas que só se abren cando alguén se atreve a escoitar as súas historias. A biblioteca municipal do Rosal converterase este venres 24 de abril nun pequeno universo de fantasía cunha nova cita cos ‘Venres Rebuldeiros’, un ciclo xa consolidado que transforma cada encontro nun espazo de aprendizaxe, creatividade e diversión para a cativada.

Nesta ocasión, a proposta chega da man de Eu Creativa co espectáculo “Segredos encantados”, un contacontos dirixido a rapazada de entre 6 e 12 anos que invita a mergullarse no mundo da imaxinación a través de relatos cheos de personaxes sorprendentes, aventuras e misterios agochados entre os estantes da biblioteca.

A actividade estará protagonizada por unha fada exploradora de historias que chega en busca de relatos esquecidos e mundos por descubrir. Ao longo da sesión, os nenos e nenas poderán viaxar a través dos libros, descubrindo que cada páxina pode ser unha porta aberta a novas experiencias e que a curiosidade é a mellor guía para explorar o coñecemento.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou o grande interese que esperta “cada actividade programada ao abeiro dos Venres Rebuldeiros, que converten á biblioteca en moito máis que un lugar de lectura, senón nun espazo vivo onde a imaxinación medra e os nenos e nenas descubren que os libros poden ser grandes compañeiros de viaxe”.

O contacontos será ás 18.00 horas con entrada de balde ata completar aforo e está organizado polo Concello do Rosal ao abeiro dos programas +Escénicas e Ler Conta Moito, reforzando así a aposta municipal por achegar a cultura e a lectura ás idades máis temperás.

Comparte este artigo