Baiona recoñece aos seus distinguidos nunha aposta pola memoria, o compromiso e a identidade colectiva

Redacción
Lectura mínima de 3

O Concello de Baiona deu a coñecer hoxe os nomes das persoas e entidades que serán distinguidas durante a presente lexislatura, no marco da Comisión de Honras e Distincións celebrada hoxe día 22 de abril e que serán referendadas no Pleno de Concello o próximo día 29.

Un acto cargado de simbolismo institucional e emoción, que pon en valor traxectorias exemplares profundamente vinculadas o desenvolvemento social, cultural e humano da localidade. O equipo de goberno quixo recoñecer, a través destas distincións, o legado de quen contribuíu a construír a identidade de Baiona desde distintos ámbitos, deixando unha pegada indeleble na memoria colectiva da Vila.

A Medalla de Oro de Baiona foi concedida á Confraría de Pescadores “A Anunciada”, en recoñecemento ao seu incansable labor en favor do sector mariñeiro, piar histórico e económico do municipio, así como polo seu defensa das tradicións e valores do mar.

Pola súa banda, a Medalla de Prata recaeu en Gabriel Rodríguez, fundador da Escola e da Banda de Música Municipal, cuxa dedicación foi clave na formación de xeracións de músicos e na promoción da cultura musical en Baiona, consolidando un patrimonio artístico vivo e compartido.

En canto á Carabela de Oro, acordouse a súa concesión a tres figuras de especial relevancia. A título póstumo, a Aniceto Charro, médico e promotor da dieta atlántica, cuxa achega transcendeu fronteiras ao poñer en valor os hábitos de vida saudables ligados á contorna atlántica. Así mesmo, recoñécese ao empresario hostaleiro Ezequiel Simóns, polo seu impulso ao tecido económico local, e a Eduardo Vieira Montenegro, fundador da emblemática proba deportiva Vig-Bay, que proxectou o nome de Baiona a nivel nacional e internacional.

O Lazo de Honra distinguirá a Matilde Montaña, coñecida cariñosamente como “Tilducha”, pola súa contribución para fomentar a cultura tradicional e a Mari Luz Iglesias, coñecida tamén como “Sita”, presidenta da Santa Casa, pola súa dedicación exemplar no ámbito social e asistencial, reflexo do compromiso solidario que define á comunidade baionesa.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou durante a súa intervención que “estas distincións representan moito máis que un recoñecemento institucional; son o reflexo da alma de Baiona, de persoas e colectivos que, co seu esforzo, a súa xenerosidade e o seu amor por esta Vila, contribuíron a facela máis forte, máis solidaria e máis orgullosa de si mesma”.

Así mesmo, subliñou que “honrar a súa traxectoria é tamén inspirar ás futuras xeracións a seguir construíndo comunidade desde o compromiso e a excelencia”. Con este anuncio, Baiona reafirma a súa vontade de preservar a súa memoria colectiva e de recoñecer publicamente a quen, co seu traballo e dedicación, contribuíron de xeito decisivo a engrandecer a Vila.

Comparte este artigo