- O Goberno Local de Soutomaior recibiu esta semana o proxecto para a humanización e posta en valor do patrimonio natural e arquitectónico da contorna da Fonte do Regueiro no barrio de Alxán.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, deu a coñecer esta mañá este proxecto que foi elaborado pola empresa INFOURBAN e que conta cun orzamento de máis de 60 mil euros.
Uns traballos que crearán un núcleo de centralidade neste espazo, un lugar cun alto valor patrimonial no barrio de Alxán. Con esta actuación o Goberno Local continúa co seu modelo de aposta no rural para ir dotando os barrios de melloras e modernizacións.
O lugar, que presentaba un estado de deterioro transformará a súa imaxe, tal e como dixo hoxe o alcalde, Manu Lourenzo, “con esta actuación avanzamos en investimentos nunha aposta polo rural baseada na confianza de que todo o potencial dos barrios supoñen melloras para a calidade de vida e para a veciñanza que vive no rural”.
Uns traballos que tamén teñen como obxectivo dotar dunha maior seguridade viaria a zona e, ofrecer unha mellora en canto a mobilidade, sustentabilidade e habitabilidade.
O alcalde lembrou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

