O concello de Nigrán colabora na celebración en Patos do “Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz” que a Xunta non homologa por estar adicado a Palestina

Redacción

Por vez primeira en 40 anos a Xunta non homologa a iniciativa titulada ‘Educar na vida en tempos de xenocidio’ porque, xustifican, “non cumpre co principio de neutralidade ideolóxica”

Terá lugar na Residencia de Tempo Libre desde este venres ao domingo para analizar alternativas educativas que fomenten a non violencia e a paz, participando docentes de Galicia e Portugal de todos os niveis académicos e activistas como a gazatí Sara Ashour

Avergóñame moito a resposta da Xunta porque pon trabas a que os docentes eduquen en valores e fomenten a empatía e o respeto universal aos Dereitos Humanos”, defende Juan González, alcalde de Nigrán

Concello de Nigrán colabora no ‘Encontro galego-portugués de educadores/as pola paz ’ que ten lugar desde este venres e ao domingo na Residencia de Tempo Libre de Patos e que organiza ‘Nova Escola Galega’ e ‘Ponte nas ondas’, xornadas que por vez primeira non obtiveron a homologación da Xunta. Baixo o lema ‘Educar na vida en tempos de xenocidio’ e con Palestina como exemplo central, celébranse os 40 anos dos primeiros encontros no ano 1986 no mesmo escenario de Panxón. Nesta ocasión, a Consellería de Educación decidíu non outorgarlle a homologación previa e provisional porque, xustifican no seu escrito, “non cumpre co principio de neutralidade ideolóxica establecido na resolución do 5 de xuño de 2025”

“Estamos moi orgullosos de que Nigrán defenda e sexa o berce destas iniciativas que buscan un mundo máis xusto, igualitario e libre de violencias, porque como promulgamos desde o Concello, en Nigrán non somos indiferentes ao que está a acontecer no mundo e en Palestina en concreto”, refire o alcalde, Juan González, quen pola mesma razón, censura a decisión da Xunta de non homologar os encontros. “Avergóñame moito a resposta da Xunta porque deixa claro que pon trabas a que os docentes eduquen en valores e fomenten a empatía e o respeto universal aos Dereitos Humanos; Que tipo de cidadans pretenden formar?, Que problema hai en abordar na escola a situación de violencia e de xenocidio? A súa xustificación si reflexa unha ideoloxía e un modo de actuar do máis reaccionario”, defende Juan González, alcalde de Nigrán. Precisamente, para esta ocasión, o Concello de Nigrán trasladou do balcón da Casa Consistorial á contorna da Residencia de Tempo Libre unha pancarta baixo o lema ‘Nigrán, non somos indiferentes. Paremos o xenocidio’. González participará no acto inaugural deste venres ás 18:00 horas, sendo ademais de alcalde, presidente desde 2016 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade supramunicipal xurdida tamén en Nigrán hai 29 anos. “Desde o local pódese, e débese, colaborar en iniciativas que busquen un mundo mellor, como é este caso”, explica o alcalde, quen neste sentido destacou que o Concello de Nigrán está moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a cooperación exterior (no 2025 consignáronse algo máis de 30.000 € do Concello).

Neste encontro participan docentes de Galicia e Portugal de todos os niveis académicos e activistas como a gazatí Sara Ashour, egresada na Universidad de Santiago de Compostela, ou o oftalmólogo cisxordano Mohamad Safa. O obxectivo é desafiar o avance dunha cultura global cada vez máis investida na violencia cultural e estrutural, sendo o cerco a Palestina o exemplo máis visible, senón o máis cruento. Preténdese desde a organización dos encontros que as persoas participantes se sumen a un espazo único de convivencia e de construción colectiva de alternativas educativas que fomenten a nonviolencia e a paz, para parar a ocupación colonial, a destrución, o desterro, a privación dos dereitos humanos máis básicos e, en definitiva, o xenocidio produto da ideoloxía da supremacía cultural presente non só no proxecto sionista para Palestina senón no Norte Global en xeral.

Comparte este artigo