● O Premio á Cultura entregarse ao Xogo da Ola, o premo á Empresa, á Compañía Española de Algas Marinas CEAMSA; o Premio ao Deporte, a Gabriel Veiga Novás, e o premio ao Compromiso Social á Asociación de Amas de Casa
● Os Galardóns entregaranse o sábado 13 de xuño na praza do Concello do Porriño
● A corporación municipal aproba por unanimidade a proposta, xa consensuada de dotar dunha rúa á que foi unha das fundadoras da Fundación Érguete
O pleno do Concello do Porriño vén de aprobar a proposta do Comité de Valoración dos III Premios Antonio Palacios que teñen como finalidade recoñecer as contribucións máis destacadas nos ámbitos da Cultura, a Empresa, o Deporte, o Compromiso social e Premio de Honor.
Dora Carrera, fundadora da Asociación Érguete, é este ano a persoa elixida para recibir o Premio de Honra Antonio Palacios na súa terceira edición. “A única mágoa é que Dora recibirá este premio a título póstumo”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, ao desvelar esta distinción excepcional que concede o Concello do Porriño como “mostra de agradecemento e admiración a aquelas persoas ou entidades cuxa traxectoria vital representa un legado exemplar de servizo á sociedade” Dora é un exemplo claro do que representa este premio, explicou o rexedor: no seu
legado está a loita contra a droga e o narcotráfico, a desestigmatización dos drogodependentes e esa Asociación Érguete que segue traballando como entidade sen ánimo de lucro dende os anos 80 e realizando un labor de atención integral das adiccións a través de catro áreas principais: prevención, intervención e rehabilitación, inclusión sociolaboral e apoio familiar.
Así, o Premio de Honra Antonio Palacios recoñece unha vida de dedicación, esforzo e compromiso continuado con valores como a solidariedade, a xenerosidade, a entrega ao ben común e a defensa da identidade cultural e social do noso pobo. No caso de Dora, explica o comité de valoración “o seu labor foi clave na creación dun movemento asociativo pioneiro en Galicia, baseado no apoio ás familias e na reinserción social, deixando un legado de solidariedade, entrega e transformación social que continúa vixente na actualidade”.
Este galardón foi recibido antes por Xosé Ramón Iglesias Veiga, na primeira edición, e Lola Magno, na segunda.
O premio ao deporte recae este ano no futbolista Gabriel Veiga Novás, máis coñecido como Gabri Veiga. O comité de valoración destes III Premios Palacios 2026, considera que é merecedor desta distinción pola súa destacada traxectoria deportiva e a súa proxección no fútbol profesional, converténdose nun referente de talento, esforzo e superación para a mocidade. A súa evolución, desde o fútbol base ata a elite internacional, é exemplo de disciplina, compromiso e dedicación, levando ademais o nome de Galicia e da súa terra con orgullo e contribuíndo a promover os valores do deporte como o traballo en equipo, a constancia e o xogo limpo. “Gabri non só destaca pola súa calidade co balón, senón por ser un exemplo de humildade e esforzo para todos os nenos e nenas que empezan no deporte base. É o noso mellor embaixador”, asegura o rexedor.
O Premio á Empresa este ano recae na Compañía Española de Algas Marinas, CEAMSA.
Esta empresa, fundada no ano 1966 e con sede no Porriño é pioneira a nivel mundial na comercialización de hidrocoloides naturais obtidos a partir de algas, como a carraxenina, a pectina ou o alginato. O Comité de Valoración considera que é merecedora desta distinción pola súa firme aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico que a ten consolidado como referente internacional do seu sector, destacando especialmente polo seu liderado na produción de carraxenina. A súa presenza global, con plantas en España e Filipinas e distribución aos cinco continentes, exemplifica unha traxectoria baseada na calidade, a investigación e o compromiso coa industria alimentaria, farmacéutica e cosmética. “CEAMSA representa a excelencia do noso tecido industrial. Desde O Porriño para o mundo”, apuntou Lorenzo.
O Premio á Cultura será para o Xogo da Ola, por representar unha das tradicións máis singulares e identitarias do Porriño, por manter viva ao longo de xeneracións unha celebración que forma parte esencial da nosa memoria colectiva. Constiúe unha manifestación cultural que combina historia, participación veciñal e sentimento de pertenza, converténdose nun símbolo festivo que reforza os lazos comunitarios e proxecta a riqueza do noso patrimonio inmaterial. A súa continuidade e capacidade de adaptación ao longo do tempo son mostra do compromiso da veciñanza coa conservación das tradicións e coa transmisión dos valores culturais ás novas xeneracións. “”O Xogo da Ola é o corazón da nosa identidade. Premiar esta tradición é recoñecer a memoria de todo un pobo e o orgullo de ser porriñeses”.
O Premio ao Compromiso Social recae na Asociación e Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais, polo seu longo e constante labor en favor da participación cidadá, a convivencia e o benestar culturais e de lecer, que fomentan a integracion, o apoio mutuo e o desenvolvemento activo, consolidándose como un espazo de encontro e dinamización comunitaria que promove valores de solidariedade, igualdade e compromiso co tecido social local. Segundo o alcalde, “Se O Porriño é unha vila unida e dinámica, é grazas ao labor de asociacións como as Amas de Casa Rosais. O seu compromiso incombustible co benestar social, a igualdade e a dinamización da nosa comunidade é fundamental. Son o piar sobre o que se constrúe a nosa convivencia e solidariedade diaria.”
Formalízase a concesión da rúa
Por outro lado, no pleno deste luns aprobouse por unanimidade unha proposta que xa chegaba á orde do día consensuada polos tres partidos políticos da corporación: renomear a rúa onde vivía Dora Carrera, co seu nome.
Este consenso unánime das forzas políticas reflicte a importancia dun legado que transcende siglas e que converte a Dora nun referente eterno de solidariedade e compromiso social en Galicia.

