Está dirixido prioritariamente a persoas empadroadas no municipio maiores de 55 anos e ten un custe de 38 €
O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de turismo social para maiores, ofrece unha visita guiada o sábado 30 de maio á Illa de San Simón (saída en autobús desde o Concello ás 9:00 e embarque en Vigo ás 10:00 horas) con comida posteriormente no Restaurante Casas de Redondela. Está destinada a toda a veciñanza empadroada en Nigrán maior de 55 anos e ten un custe total de 38 € por persoa. As inscricións serán por rigorosa orde o mércores 20 de maio de 9:00 a 12:00 no Centro Social de Vilameán (ao carón do Concello), podendo anotar cada interesado/a a un máximo de dúas persoas (sempre co DNI) e realizándose o pago mediante tarxeta.
A illa de San Simón, situada na ría de Vigo (Redondela), é un lugar de profunda carga histórica en Galicia que pasou de ser un centro sanitario de fronteira para gardar a corentena e previr enfermidades como a lepra ou o cólera (1842 – 1927) a un dos campos de concentración máis sombríos e mortíferos da posguerra española (1936 – 1943) .

