O Concello de Mondariz vén de adoptar unha decisión que está a xerar un fondo malestar entre a veciñanza ao limitar a só cinco parroquias —Gargamala, Sabaxáns, Riofrío, Queimadelos e Mouriscados— a posibilidade de asinar contratos coa empresa pública SEAGA para a limpeza de propiedades a un prezo vantaxoso (420 € por hectárea). Esta medida deixa fóra ás sete parroquias restantes do municipio, que non poderán beneficiarse das condicións deste convenio, xerando unha evidente desigualdade territorial e un prexuízo directo para a economía dos seus veciños e veciñas.
A selección destas parroquias carece, ademais, dunha explicación pública clara e detallada, o que incrementa a sensación de agravio comparativo e falta de transparencia na xestión municipal. Nun contexto no que a prevención de incendios e o mantemento do territorio son cuestións prioritarias, resulta difícil comprender por que non se estende esta iniciativa ao conxunto do termo municipal.
A maiores os propietarios están a ter problemas coa venda de madeira, xa que deben buscar a toda presa un comprador para as súas árbores, e iso provoca un caos na xestión do seu capital que deriva nun prexuízo económico.
Tamén existen múltiples problemas de titularidade das parcelas, xa que boa parte dos terreos non teñen un propietario legal claro. Isto, unido a que o catastro non é fiable, supón un serio problema engadido para boa parte da veciñanza.
A maiores, os veciños foron informados con pouco tempo da delimitación das faixas de protección contra incendios forestais, xa que acaba de ser aprobado formalmente polo Consello da Xunta de Galicia este mes de abril no marco do PLADIGA. Xa que logo sería necesario que a Xunta lles concedese unha prórroga para poder limpar as súas parcelas sen recorrer á imposición de sancións.
Sen técnico municipal desde xaneiro
A esta situación súmase outra carencia estrutural que agrava o problema: desde o pasado mes de xaneiro o Concello non dispón dun técnico de medio ambiente que poida coordinar e xestionar o elevado volume de comunicacións administrativas derivadas destes procedementos. Esta ausencia está a frear de maneira significativa a tramitación dos expedientes, afectando tanto ás parroquias incluídas como ás excluídas.
Ambas cuestións —a exclusión de parte do territorio e a falta de capacidade técnica— evidencian unha planificación insuficiente e unha xestión que non está a dar resposta ás necesidades reais de Mondariz. Resulta imprescindible que o Concello revise esta decisión, amplíe o alcance do convenio a todas as parroquias e dote os servizos municipais dos recursos humanos necesarios para garantir unha actuación eficaz, equitativa e transparente.

