As sesións estarán dirixidas por monitores especializados e contarán con todo o material necesario para a práctica.
O Concello de Baiona organiza xunto ao Club Galego de Surf unha xornada gratuíta de iniciación ao pádel surf dirixida a mozos de entre 12 e 16 anos, que se celebrará o próximo 17 de maio na praia de Ladeira. As inscricións xa están abertas e poderán realizarse ata o 4 de maio, sendo as prazas limitadas.
A actividade, que ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva e achegar á mocidade aos
deportes náuticos, permitirá aos participantes desfrutar dunha primeira experiencia no
pádel surf nunha contorna segura, controlado e adaptado ao seu nivel de iniciación.
Baiona consolídase como un referente para a práctica do pádel surf en Galicia, grazas ás
excelentes condicións que ofrece a praia de Ladeira durante todo o ano. Non en balde, este enclave
foi sede do Campionato de España desta modalidade durante máis dunha década,
o que reforza o seu posicionamento como espazo idóneo para o desenvolvemento de actividades
deportivas vinculadas ao mar.
As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través de:
A web: https://baionacodeporte.gal/
Instagram: @clubgalegodesurf e @baionacodeporte
Teléfono do Pavillón Municipal de Deportes: 986356558
Desde o Concello de Baiona continúase apostando pola promoción do deporte basee e o aproveitamento da contorna natural como recurso para a actividade física, achegando disciplinas como o pádel surf á poboación máis nova.
Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de dinamización deportiva e posta en valor do litoral de Baiona. A actividade conta coa colaboración do Club Galego de Surf e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Waira.

