A rúa Forneira será a primeira transformación urbana do Peirao de Arcade

Redacción
Lectura mínima de 2
  • O Goberno Local de Soutomaior anunciou hoxe este proxecto transformador dun núcleo urbano de referencia que na actualidade presenta un importante estado de deterioro.
  • Un proxecto que se realizará con cargo ao Plan bianual +Provincia 2026-27 e que contará cun orzamento total de máis de 560 mil euros. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, deu a coñecer esta mañá a “humanización da rúa Forneira”. Un proxecto pensado para os peóns, modelo urbano verde, accesible e que mellorará a calidade de veciñas e veciños e do comercio local coa posta en valor das propiedades, un proxecto que tamén contempla unha área de aparcamento na zona.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, dixo esta mañá que “estamos ante un proxecto transformador dun núcleo urbano de referencia que na actualidade presenta un importante estado de deterioro, con esta actuación. Apostamos por un espazo amable, sostible , pensado para as persoas, respectuoso co medio ambiente e que mellorará a calidade de vida da veciñanza”

Un proxecto que se realizará con cargo ao Plan bianual +Provincia 2026-27, da Deputación Provincial, e que contará cun orzamento total de máis de 560 mil euros. 

Trátase da creación dunha gran zona de coexistencia na Rúa da Forneira. Unha zona onde dispoñerase unha plataforma única con preferencia peonil. Coa redistribución proposta neste proxecto elimínanse os espazos sobrantes, suprímense barreiras arquitectónicas e garántese completamente a accesibilidade universal. Un proxecto que tamén contempla unha área de aparcamento na zona.

Comparte este artigo