A alcaldesa Nava Castro subliña que “o PXOM ordena o solo, pero as escolas fanse con xestión e decisión” e defende que manter un edificio obsoleto “non é unha solución para a vila”
O Concello de Ponteareas reafirmou a súa decisión de transformar o espazo ocupado pola antiga escola infantil nunha nova zona verde de uso público, enmarcada dentro dunha estratexia global de mellora urbana, sustentabilidade e calidade de vida.
A alcaldesa, Nava Castro, quixo aclarar o debate xurdido nos últimos días, sinalando que “é fundamental trasladar á cidadanía unha información clara e rigorosa”. Neste sentido, foi contundente: “O PXOM ordena o solo, pero as escolas fanse con xestión e decisión. E durante oito anos non se levou a cabo esta infraestrutura.”
O goberno municipal lembra que o PXOM é un instrumento de planificación urbanística que permite organizar o territorio, pero que non executa obras nin constrúe equipamentos, sendo necesarias decisións políticas e xestión para materializar proxectos como a nova escola infantil.
Unha infraestrutura xa en funcionamento
O Concello destaca que Ponteareas conta na actualidade cunha nova escola infantil moderna, plenamente operativa e adaptada ás necesidades das familias, o que supón unha mellora real para a cidadanía.
Un edificio sen funcionalidade e unha oportunidade de transformación
En relación co antigo edificio, o goberno local sinala que se trata dunha infraestrutura que quedou obsoleta e que non responde ás necesidades actuais.
Respecto ás actuacións realizadas no pasado en materia de eficiencia enerxética, o Concello aclara que: “estas axudas, financiadas en parte con fondos europeos, están suxeitas a un período de permanencia que xa foi plenamente cumprido, ao ter transcorrido máis de cinco anos desde a súa execución.”
Neste sentido, o goberno municipal subliña que: “o investimento cumpriu a súa finalidade e non condiciona a toma de decisións actuais, que deben responder ao interese xeral da cidadanía”.
Así mesmo, lembra que estas melloras non resolven as limitacións funcionais do edificio nin o adaptan ás necesidades actuais.
Unha actuación dentro dunha estratexia global
A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Silvia F. Táboas, explicou que esta intervención enmárcase na Estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas. “Trátase dunha actuación coherente cun modelo de vila que aposta pola renaturalización, a mellora biodiversidade e a recuperación de espazos para a cidadanía”, sinalou.
O proxecto permitirá crear unha zona verde que conecte o parque da Feira Vella coa nova praza de abastos Mercatea, xerando un corredor urbano continuo, accesible e máis saudable.
Unha decisión en beneficio do conxunto da cidadanía
“Non se trata de perder un edificio, senón de gañar un espazo para todos os veciños e veciñas”, afirmou a alcaldesa.
O Concello reiterou, ademais, a súa disposición a estudar alternativas viables para dar resposta ás necesidades de colectivos e servizos municipais, dentro dunha planificación ordenada e coherente.
Gobernar é decidir
Castro concluíu destacando que esta actuación responde a unha forma de gobernar baseada na execución e nos resultados: “Gobernar non é conservar por conservar. É tomar decisións útiles para a maioría. E neste caso, a decisión é clara: transformar para mellorar.”

