Lucía Santos explica que a negativa á modificación do punto número 2 do PXOM responde á falta de diálogo e ao desacordo coas medidas propostas. O BNG aposta por unha ordenación do territorio na que que converxa vivenda, actividade social e económica e protección do patrimonio
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita a modificación puntual número 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobada no pleno de outubro co único apoio do goberno local do Partido Popular (PP). Lucía Santos, portavoz municipal da formación nacionalista, cuestiona tanto a falta de participación na súa elaboración como a ampliación dos usos hoteleiros nunha vila con dificultades crecentes de acceso á vivenda.
A formación nacionalista considera necesario actualizar a ordenación do territorio en coherencia coa realidade socioeconómica da vila, pero reclama unha análise das consecuencias das medidas propostas. “Unha cousa é facilitar proxectos turísticos respectuosos coa contorna e outra ampliar estes usos sen garantías suficientes para protexer a vivenda habitual. A veciñanza debe poder seguir vivindo en Marín”, afirma Santos.
O BNG lembra que hai 178 persoas inscritas como demandantes de vivenda pública en Marín. Ademais, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) recollidos polo grupo municipal, as vivendas de uso turístico pasaron de 111 en xaneiro de 2022 a 230 en xaneiro de 2025: un incremento de 119 en tres anos.
Lucía Santos denuncia, ademais, que a oposición non contou cun diálogo continuado co equipo redactor nin con explicacións suficientes durante a preparación da modificación. O BNG sinala que esta falta de participación se repite nos Plans Especiais de Protección e Reforma Interior das Zonas Ambientais de Casco Antigo (ZACA).
“O noso voto negativo responde á falta de diálogo e ao desacordo coas medidas propostas. A maioría absoluta non exime da responsabilidade de escoitar. Seguimos dispostas a colaborar nunha ordenación no que converxa vivenda accesible, actividade económica e protección do patrimonio” conclúe Santos.

