Baiona prepara para este venres o Baile da Segunda Mocidade en Sabarís

Redacción

Este venres 1 de maio, o Concello de Baiona volverá encher o Multiusos de Sabarís de vida, música e emoción cunha nova edición do baile da Segunda Mocidade, que contará coa actuación do trío Dixital e que servirá, ademais, como antesala do Día da Nai.

Cada edición convértese nun espazo onde os risos se reencontran, onde as conversacións flúen sen présa e os nosos veciños comparten algo tan sinxelo e tan importante como o tempo xuntos. Para moitas persoas, é unha cita esperada con ilusión, un momento para saír da rutina, arranxarse, bailar e, sobre todo, sentirse parte dunha comunidade viva e unida.

O baile da Segunda Mocidade é, en esencia, unha celebración da vida cotiá, da compañía e do afecto. Un lugar onde nacen amizades, se fortalecen vínculos e combátese a soidade a través da música, o movemento e a proximidade humana.

Desde o Concello de Baiona quérese poñer en valor esta iniciativa como unha ferramenta fundamental para promover o benestar emocional, o envellecemento activo e a cohesión social, lembrando que detrás de cada canción hai historias compartidas, sorrisos e momentos que permanecen, por iso, invitamos a toda a veciñanza a participar nesta nova xornada, a se achegaren con ganas de bailar e tamén de sentir, compartir e vivir unha tarde de convivencia veciñal.

Comparte este artigo