O BNG de Poio advirte de que o novo Inventario de Camiños incorpora novas vías que afectan a fincas privadas

Redacción
Lectura mínima de 3

Marga Caldas chama á veciñanza a consultar o documento e pide ao goberno local total transparencia: celebrar reunións nas parroquias e habilitar puntos de información asistida

O BNG de Poio vén de reclamar ao goberno local de Poio maior transparencia e unha campaña explicativa dirixida á veciñanza en relación co novo Inventario de Camiños do municipio, cuxa aprobación inicial foi levada hoxe ao pleno. A voceira Marga Caldas asegura que a posta a disposición do visor anunciado polo Concello non garante o acceso á información nin a participación real da veciñanza, polo que reclama reunións directas nas parroquias e puntos de información técnica asistida para aclarar todas as dúbidas.

A formación nacionalista sinala que o inventario incorpora novos trazados de camiños —750 vías municipais cunha lonxitude superior aos 200 quilómetros—, moitos deles derivados de litixios anteriores e que, en numerosos casos, afectan a fincas privadas. Ademais, subliña que a cualificación destas vías pode ter consecuencias directas no valor do solo e nas posibilidades de desenvolvemento urbanístico, influíndo tamén nas obrigas de cesión á hora de realizar construcións.

Segundo explica o Bloque, o documento  estará en exposición pública durante dous meses para que a cidadanía poida revisalo, detectar posibles erros ou omisións e presentar alegacións antes da súa aprobación definitiva. Porén, o BNG advirte de que non toda a veciñanza é coñecedora deste proceso nin dispón dos medios necesarios para acceder á información.

Neste sentido, o BNG considera que se trata dun asunto de “gran relevancia” que require dun esforzo informativo maior por parte do goberno local. Caldas destaca que a consulta do documento debe realizarse a través dun visor dixital mediante unha aplicación, unha ferramenta que, segundo denuncia, non garante o acceso universal á información, especialmente para aquelas persoas que non dispoñen de medios tecnolóxicos ou non saben empregalos correctamente.

Ante isto, o Bloque reclama ao goberno local que complemente esta vía con medidas presenciais e accesibles, como a organización de reunións informativas nas distintas parroquias e a habilitación de puntos de consulta asistida con persoal técnico, xa ben municipal ou da empresa redactora. “As achegas da veciñanza deben ser esenciais neste proceso, e para iso é imprescindible poñer todas as ferramentas que faciliten unha revisión próxima e comprensible da documentación”, defende Caldas.

A voceira do BNG chama a toda a veciñanza a revisar o documento para comprobar se ten algunha propiedade afectada por novas vías ou pola súa cualificación. “Hai que darlle a máxima publicidade para que despois a xente no se atope con sorpresas á hora de construír nas súas fincas”, finaliza.

Comparte este artigo