A 44ª edición do Trofeo Horacio Barros chega ao parque de Torneiros o 1 de maio

Redacción
Lectura mínima de 3

● A proba, organizada por Master da Louriña, reunirá a nenos e nenas de diferentes idades nunha cita que combina deporte, habilidade e aprendizaxe.

O parque de Torneiros converterase o 1 de maio nun espazo de referencia para o ciclismo base coa celebración da 44 edición do Trofeo Horacio Barros, que reunirá aos ciclistas máis mozos nun circuíto pensado para poñer a proba a súa destreza, equilibrio e capacidade técnica sobre a bicicleta.

A actividade, organizada pola entidade Master da Louriña coa colaboración do Concello do Porriño, está dirixida a nenos e nenas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís e cadetes, tanto en modalidade masculina como feminina, así como á categoría junior feminina.
“Con iniciativas coma esta, reafirmamos o noso compromiso co deporte base e coa promoción de actividades que favorezan o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade”, explicaba o alcalde Alejandro Lorenzo xunto a Horacio Barros e o presidente do Club Master da Louriña e parte da Xunta Directiva, na presentación do evento.

Ao longo da xornada, o parque transformarase nun percorrido dinámico no que cada participante terá que afrontar diferentes retos técnicos. O circuíto incluirá unha xincana composta por probas como paralelas, labirintos de distinta dificultade, voltas a un círculo, exercicios de puntería, balancíns ou probas de equilibrio como o surplace, ademais doutros obstáculos como a recollida de bidón ou o paso de altura. Un conxunto de exercicios deseñados para traballar habilidades clave no ciclismo base dun xeito lúdico e formativo.

As saídas das distintas categorías realizaranse de maneira progresiva ao longo da xornada, adaptándose ao desenvolvemento da competición e garantindo unha organización fluída do evento. A normativa aplicable rexerase polo regulamento da Real Federación Galega de Ciclismo, que tamén resolverá calquera situación non prevista.

Máis alá da competición, esta cita deportiva busca fomentar a práctica do ciclismo entre a mocidade, promovendo hábitos saudables e valores como o esforzo, a superación e o respecto polas normas. Ao mesmo tempo, contribúe a dinamizar o uso dos espazos públicos do municipio, convertendo o parque de Torneiros nun punto de encontro para o deporte e para unha convivencia saudable.

Comparte este artigo