Medrar xogando no Rosal co campamento de verán ‘Sementeira de igualdade’

Redacción
Lectura mínima de 3

O Concello abre o vindeiro luns 4 de maio ás 09.00 h o prazo de inscrición para esta iniciativa que combina lecer, educación en valores e apoio á conciliación familiar

O remate das clases dá unha oportunidade para aprender doutro xeito. O Concello do Rosal abrirá o vindeiro luns 4 de maio ás 09.00 horas o prazo de inscrición para o campamento municipal de verán ‘Sementeira de igualdade’, unha proposta pensada para ofrecer alternativas de ocio educativo á infancia ao tempo que se facilita a conciliación das familias durante os meses estivais.

O campamento desenvolverase nos meses de xullo e agosto nas instalacións do CPI Manuel Suárez Marquier e está dirixido a nenos e nenas matriculados no curso 2025/2026 en 4º, 5º e 6º de educación infantil ou en educación primaria. As prazas son limitadas e as familias poderán escoller entre a inscrición por un ou dous meses completos.

A iniciativa, enmarcada no Plan Corresponsables da Xunta, busca non só ofrecer actividades lúdicas e educativas, senón tamén fomentar valores como a igualdade, o respecto e a corresponsabilidade no coidado da infancia. O horario será de 09:00 a 14:00 horas, e terá un custo de 100€/mes, con posibilidade de ampliación de 08:00 a 15:00 en función das necesidades das familias (125€/mes).

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o enfoque integral do programa, xa que “este campamento é moito máis ca unha alternativa para o verán. É un espazo onde a rapazada pode aprender, convivir e medrar en valores fundamentais, ao tempo que damos resposta a unha necesidade real das familias do noso concello”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, puxo tamén o acento na dimensión social da iniciativa. “Falamos de conciliación, pero tamén de corresponsabilidade. Queremos contribuír a que o coidado da infancia sexa unha tarefa compartida e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equilibrada”, recalcou.

As inscricións poderán formalizarse ata o 15 de maio de forma presencial no Rexistro municipal, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou a través da Sede Electrónica do Concello. As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación requirida, incluíndo cuestionario de saúde, autorizacións e documentación identificativa.

Comparte este artigo