O Concello de Ponteareas convida á veciñanza a participar na tradicional Romaría da Picaraña este venres 1 de maio

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Ponteareas convida a toda a veciñanza a participar na tradicional Romaría da Picaraña, que se celebrará este venres 1 de maio, unha cita xa consolidada como xornada de convivencia, lecer e posta en valor das tradicións locais.

Nos días previos, o Concello traballou intensamente nas tarefas de limpeza, desbroce e recuperación de sillas, mesas e distintos elementos patrimoniais, co obxectivo de que todo estea en perfectas condicións para o desfrute da cidadanía.

Dende o goberno local anímase a subir a pé dende as distintas parroquias, recuperando así o espírito tradicional da romaría, así como a participar nos xogos populares que se desenvolverán ao longo da mañá e da tarde. Como cada ano, as familias de Ponteareas reuniranse nun xantar popular, acompañado de música e baile coa charanga Noroeste e Dania D’Alfonso.

Entre as actividades programadas, e en colaboración coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Ponteareas, a CMVMC de Arcos e a Asociación de Veciños de Canedo, destaca a saída da Andaina Competitiva organizada por Caminhantes do Condado, que partirá ás 10:00 horas do complexo deportivo Álvaro Pino. Ademais, diferentes grupos de camiñantes procedentes de varios puntos do municipio confluirán ás 11:00 horas en Canedo para subir todos xuntos ata A Picaraña.

A programación completarase con actividades deportivas, un mercado agroecolóxico e unha mostra de oficios tradicionais. A misa celebrarase ás 12:30 horas na capela.

O Concello anima á veciñanza a participar activamente na celebración, levando instrumentos musicais e vestindo de romeiro, contribuíndo así a enxalzar esta festividade.

A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, destacaron a importancia de manter vivas as tradicións e animaron a toda a cidadanía a non perder esta celebración, que permite o reencontro e o desfrute dun paraxe natural de grande valor como A Picaraña.

Comparte este artigo