O concello de Arbo licita a explotación da cafetería do Centro Social

Redacción
Lectura mínima de 3
Centro Social Arbo
  • A licitación realízase a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
  • O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 26 de maio.
  • O proxecto busca transformar esta infraestrutura no “corazón social” do municipio, cunha oferta adaptada ás persoas maiores.

O Concello de Arbo deu un paso decisivo no seu compromiso co benestar veciñal ao anunciar a licitación para o aluguer e explotación da cafetería-comedor do Centro Social. Este proxecto, situado nunha infraestrutura municipal rehabilitada no lugar de Chan, nace co obxectivo de converterse nun recurso estratéxico para combater o illamento social nun municipio cunha importante porcentaxe de poboación de idade avanzada.

O obxecto principal desta concesión non é só a xestión dun establecemento hostaleiro, senón a creación dun centro dinámico de referencia comarcal. O Salón Social está deseñado para ser o punto de encontro onde se fomente a interacción social e a integración comunitaria, actuando como barreira fronte á soidade non desexada.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil,  destacou a relevancia desta apertura para o futuro do municipio: “A posta en marcha da cafetería e o salón social representa un paso estratéxico para o benestar dos nosos veciños. Este proxecto cobre unha carencia histórica; ata agora Arbo non dispoñía dun punto de encontro adaptado destas características, o que obrigaba á xente a desprazarse.”

As instalacións, sitúanse nun enclave estratéxico rodeado de equipamentos clave como o Centro de Saúde, a Carballeira de Turbela e o museo, o que garante un fluxo constante de usuarios. Na planta baixa sitúase o núcleo da concesión, con acceso principal, salón social, cafetería e unha cociña totalmente equipada.

O prego de condicións establece que a oferta alimentaria debe estar adaptada ás necesidades nutricionais da terceira idade. Ademais, ao tratarse dunha concesión con marcado carácter social, os prezos estarán limitados polo Regulamento de Réxime e Uso do Centro Social, asegurando que sexan alcanzables para todos os veciños.

“Non buscamos unha simple cafetería, senón o ‘corazón’ social de Arbo. Queremos un espazo onde os nosos maiores se sintan acompañados, nunha contorna segura e moderna. Esta iniciativa consolida o noso compromiso coa dignidade das persoas e coa loita activa contra o illamento no rural.” – manifesta o rexedor arbense.

Detalles da licitación

Plataforma: As propostas deben presentarse a través da Plataforma de Contratación do Sector Público (Estado).

Prazo: Os interesados teñen ata o 26 de maio para formalizar as súas ofertas.

A planta alta do edificio, que alberga oficinas de servizos sociais, fisioterapia e salas audiovisuais, garante unha base diaria de usuarios que complementará a actividade da cafetería, asegurando a viabilidade económica e a rendibilidade social do proxecto.

Comparte este artigo