A Festa do Viño arranca cunha xornada de análise sobre o futuro do mar e do viñedo

Redacción

Vilaboa reúne este venres a voces científicas e profesionais para debater os retos e oportunidades dos dous sectores estratéxicos do territorio

A XIII Festa do Viño e Mar de Vilaboa inicia este venres a súa programación cunha xornada divulgativa que reunirá voces científicas, técnicas e profesionais para abordar os desafíos e oportunidades dos recursos mariños e do viñedo galego. A sesión, titulada “Entre Mares e Cepas: Tradición e Innovación nos Recursos Mariños e Vitivinícolas”, celebrarase na Casa da Cultura de Riomaior a partir das 17.00 horas e converterá o arranque da Festa nun espazo de reflexión estratéxica sobre dous piares da identidade local.

A primeira mesa redonda, “Situación actual dos cultivos de bivalvos e as opcións de futuro”, contará coa participación de Elsa Vázquez Otero, catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo; José M. Fernández Babarro, científico do IIM-CSIC; e José Manuel Parada Encisa, consultor en pesca artesanal e marisqueo. O encontro permitirá analizar o estado dos bancos marisqueiros, o impacto das condicións ambientais e as liñas de traballo que marcan o futuro dun sector clave para as familias de Vilaboa e da ría.

A partir das 18.00 horas, a segunda mesa centrará o debate no viñedo galego baixo o título “Innovacións e sustentabilidade para o viñedo do futuro”. Intervirán Juan Carlos Vázquez Abal, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; Tamara Canle García e Ángela Yusta Álvaro, profesionais de Paco & Lola; e Cristina Carrera Carrera, asesora técnica en viticultura e responsable de AGROVITIS. A sesión afondará nos retos climáticos, nas novas técnicas de manexo e na aposta pola calidade que define ás adegas da contorna.

Tras os coloquios abertos ao público, a xornada culminará ás 19.00 horas coa apertura oficial da Festa do Viño e Mar 2026, que durante toda a fin de semana reunirá viticultores, adegas, artesanía, gastronomía e música baixo o viaduto de Riomaior.

Coa celebración desta primeira xornada, o Concello de Vilaboa reafirma o seu compromiso coa divulgación, a sustentabilidade e o diálogo entre o mar e a terra, dous elementos que explican a singularidade do territorio e a forza da súa comunidade produtiva.

Comparte este artigo