O Concello de Oia organiza durante o mes de xullo unha nova edición dos campamentos Concilia Verán 2026, unha proposta dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que combina lecer, deporte e aprendizaxe nun entorno seguro e dinámico. As actividades desenvolveranse nos CEIP de Refoxos e Mestre Manuel García, e o prazo de inscrición está aberto ata o 20 de maio.
A iniciativa ten como obxectivo ofrecer á rapazada unha alternativa lúdica e educativa durante o período estival, ao tempo que facilita a conciliación da vida familiar e laboral das familias. Para a súa realización, o Concello solicitou financiamento á Deputación de Pontevedra a través das liñas de axuda destinadas ao fomento da igualdade de oportunidades e á prevención da violencia de xénero en municipios de menos de 20.000 habitantes.
Os campamentos celebraranse ao longo de todo o mes de xullo, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e contarán cun total de 78 prazas: 28 no CEIP de Refoxos e 50 no CEIP Mestre Manuel García.
Poderán participar nenos e nenas empadroados/as no concello de Oia con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (no caso dos máis pequenos, deberán ter autonomía no uso do baño e non precisar cueiro). No caso de quedar prazas dispoñibles, poderán ser ocupadas por menores doutros municipios.
Os prezos establecidos son de 100 euros polo mes completo e de 70 euros por quincena. Ademais, as familias con dous ou máis irmáns/irmás inscritos/as beneficiaranse dunha bonificación do 25% a partir do segundo participante.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do Rexistro do Concello de Oia. Toda a información detallada, así como os formularios necesarios, está dispoñible na Sede Electrónica (https://oia.sedelectronica.es/info.0) e tamén pode recollerse en formato físico no Rexistro municipal, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de maio.

