O Porriño rinde homenaxe a Antonio Palacios cun certame de talla en pedra

Redacción

● Escultura e pintura ao aire libre daranse a man en xuño para poñer en valor o patrimonio, a creatividade e o legado do arquitecto porriñés

O Porriño reforza a súa aposta pola cultura e a identidade local coa posta en marcha de dous eventos artísticos que converterán a vila nun referente creativo durante o mes de xuño de 2026. Trátase do I Certame de Talla en Pedra “Antonio Palacios escríbese en pedra” e da terceira edición do concurso de pintura rápida “Pintando a Palacios”, dúas iniciativas que renderán homenaxe ao legado do arquitecto Antonio Palacios.

O primeiro destes eventos, centrado na escultura, celebrarase os días 6 e 7 de xuño. Impulsado polo Concello en colaboración co IES Ribeira do Louro, o certame nace coa vontade de reivindicar a pedra como elemento esencial da identidade cultural e construtiva galega, así como de poñer en valor os oficios tradicionais vinculados á cantería.

Un total de 15 participantes, profesionais e afeccionados maiores de idade, serán seleccionados para crear ao vivo unha obra en pedra natural inspirada na vida e obra do recoñecido arquitecto porriñés. As pezas partirán dun bloque de granito en bruto facilitado pola organización e deberán ser transformadas ao longo de dúas xornadas intensivas.

Precisamente, este proceso converterase nun dos grandes atractivos do certame, xa que o público poderá asistir en directo a un espectáculo pouco habitual: a evolución dunha escultura desde un bloque de pedra espido ata unha obra artística rematada, observando cada fase do traballo dos canteiros e escultores.

O xurado valorará aspectos como a calidade técnica, a creatividade ou a adecuación á temática. O certame repartirá premios que ascenden ata os 1.500 euros para o primeiro clasificado, ademais doutras distincións e unha mención especial do público.

Paralelamente, o día 13 de xuño terá lugar o III Concurso de Pintura Rápida “Pintando a Palacios”, unha cita xa consolidada que converterá o casco urbano nun auténtico museo ao aire libre. Artistas de todas as idades poderán participar nunha xornada na que deberán captar a esencia arquitectónica e patrimonial da vila.

O certame de pintura contará con catro categorías —adultos, mocidade, alevín e infantil— e premios tanto económicos como en material artístico, co obxectivo de fomentar a creatividade desde idades temperás. Na categoría absoluta, os galardóns alcanzan tamén os 1.500 euros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a relevancia destas iniciativas e a figura de Antonio Palacios, destacando que “é unha das grandes figuras que marcaron a identidade do noso concello e merece ser lembrado e recoñecido como corresponde”.

Neste sentido, subliñou que “con estes dous certames imos renderlle homenaxe poñendo en valor dúas das súas grandes paixóns: a arquitectura ligada á pedra e a expresión artística, facendo que a súa pegada siga viva nas rúas do Porriño”. O facía nas instalacións de Godoy Maceira, xunto a Rubén, un dos alumnos do IES Ribeira do Louro que explicou “as marabillas que se poden facer coa pedra”.

Con estas propostas, o Concello reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural, apostando pola arte como ferramenta para fortalecer a identidade local e impulsar o talento tanto emerxente como consolidado.

Comparte este artigo