O Concello de Ponteareas reafirma a súa aposta polo diálogo cos alfombreiros e avanza a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para dar resposta ás súas necesidades

Redacción

O Concello de Ponteareas reafirma a súa disposición total ao diálogo coa Asociación de Alfombreiros e reitera o seu firme compromiso co colectivo para atopar unha solución satisfactoria que dea resposta ás súas necesidades de espazo de traballo.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que a porta ao diálogo “está aberta de par en par” e que as alternativas trasladadas nos últimos días aos alfombreiros eran propostas a debater e non opcións pechadas.  Neste sentido, sinala que os alfombreiros deben dispor dun espazo que se adapte ás súas necesidades e que o Concello amosa a súa disposición a artellar un convenio de colaboración que dea unha resposta estable e duradeira aos requirimentos deste colectivo tan relevante para o municipio.

Unha carta aberta ao diálogo, non unha resposta pechada

O goberno local quere precisar que as opcións trasladadas ao colectivo alfombreiro (o actual centro de saúde unha vez se execute o novo ou parcelas de equipamento obtidas en desenvolvementos urbanísticos recentes), son exemplos de oportunidades a curto e medio prazo, e non unha proposta pechada.

“Queremos que quede absolutamente claro: a carta era unha invitación ao diálogo, non un punto final. As dúas alternativas que mencionabamos eran exemplos para ilustrar que existen posibilidades reais, pero estamos abertos a escoitar o que os alfombreiros consideren máis axeitado para o seu traballo”, sinala a alcaldesa, Nava Castro.

Un convenio de colaboración como vía de traballo

O convenio de colaboración que propón o Concello permitiría que sexan os propios alfombreiros os que propoñan os espazos que mellor se adapten á súa actividade, contando co apoio e o acompañamento institucional do goberno municipal.

“Esta vía permitiría tamén acceder a outras subvencións doutras administracións supramunicipais, multiplicando os recursos dispoñibles para o colectivo”, explica Nava Castro.

A alcaldesa subliñou que “dende que estamos no goberno, en todas as reunións conxuntas cos alfombreiros e nos escritos que presentaron por rexistro de entrada nunca fora trasladada esta petición ata o pasado 11 de abril. O que importa é atopar a mellor solución posible para os alfombreiros e o Concello vai estar ao seu lado en todo este proceso. Se eles elixen un espazo e a opción é viable, artellaremos as ferramentas administrativas e de financiamento para tramitalo”.

Camiño cara o novo pulmón verde da vila

O Concello recorda que a nova escola infantil xa ten vida, por iso queremos gañar espazo verde público con esta actuación, que se enmarca na Estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas e responde a un proxecto estratéxico para a vila que ten como obxectivo a creación dun corredor verde continuo entre o parque da Feira Vella e a nova praza de abastos Mercatea.

“Esta iniciativa busca ofrecer á cidadanía ponteareá un novo pulmón en pleno centro da vila, incrementando as zonas verdes e avanzando na renaturalización da contorna urbana”, sinala a alcaldesa.

Vontade firme de seguir traballando xuntos

O Concello reitera o seu recoñecemento ao labor extraordinario dos alfombreiros como peza esencial dunha tradición de proxección internacional como é o Corpus Christi de Ponteareas, e traslada novamente á Asociación a súa man tendida para sentarse a traballar conxuntamente nas vindeiras semanas.

“O obxectivo común é o mesmo: que os alfombreiros conten coas mellores condicións posibles para desenvolver o seu traballo, que tanto significa para Ponteareas. E iso imos conseguilo dialogando e construíndo xuntos”, conclúe a alcaldesa.

Comparte este artigo