- O evento, que nace dende o IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu e dos centros educativos da contorna, celebrarase na Praza Massó e poñerá en valor o talento
- A carpa estará aberta entre as 11.00 e as 18.00 horas e haberá actividades como pintacaras, escape room, teatro, ecopercusión, obradoiros e música
Bueu será o escenario este sábado, 9 de maio, do V Festival Artístico Solidario Talent For Change, que promove o IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu. Precisamente este mércores tivo lugar diante do Concello a rolda de prensa na que estiveron Carmen García, concelleira de cultura, mocidade, infancia e dinamización lingüística, Noelia Lamosa e Raquel Gey, coordinadoras do proxecto do IES Johan Carballeira, alumnado de 4º da ESO e representantes doutros centros da vila participantes. O evento, no que levan traballando todo o curso, centrarase na posta en valor dos talentos e como potencialos, non só para beneficio propio senón tamén para a sociedade.
Carmen García deu os parabéns por esta quinta edición e salientou que “o festival amosa o compromiso do Concello coa comunidade educativa e especialmente a mocidade, que demostran tamén valores como a solidariedade que é o epicentro deste evento”. Os alumnos e alumnas encargáronse de explicar toda a programación do festival que “toma como punto de partida o termo ‘ikigai’ que significa aprender con propósito e o que é bo para o mundo”.
O evento desenvolverase o sábado durante todo o día na carpa da céntrica Praza Massó, onde haberá venda de produtos a través dos que se recadarán fondos para apoiar a dúas entidades sociais da contorna: a Asociación Inventiva, destinada a cubrir as necesidades da infancia e xuventude con inquedanzas intelectuais, talentos ou altas capacidades da provincia de Pontevedra; e Ruído de Fondo, un colectivo da comarca para promover e difundir a cultura e o ocio alternativo do Morrazo xerando novos espazos de encontro.
O venres, como pistoletazo de saída, organizarase á primeira hora da tarde unha recollida de lixo na praia da Banda do Río, coa colaboración da Universidade de Vigo; e xa despois, ás 17.30 horas, o auditorio do IES Johan Carballeira acollerá unha sesión de teatro solidario, que contará coa participación de Furafollas teatro, de DOA Saúde Mental Cangas, e Comediantes Anónimos, do IES Johan Carballeira.
O sábado a programación iniciarase ás 9 horas coa tradicional elaboración dunha alfombra floral coa Asociación Cunchas e Flores. A carpa da Praza Massó abrirase ás 11 horas, e aí poderanse adquirir produtos elaborados pola comunidade educativa. Entre as actividades propostas para a xornada están un obradoiro de pintacaras e un escape room, ambos das 11 ás 14, e das 16 ás 18 horas; experimentos co Club de Ciencia, de 11 a 12.30 horas e das 16 ás 17.30 horas; a obra de teatro “Talentiños divertidos” ás 12 e ás 16.30 horas; ecopercusión, ás 12.45 horas; e micro aberto de música ás 13.30 horas. Tamén ás 16 horas haberá lentes de realidade virtual, ás 17 actuarán as pandeireteiras Trébede, da Asociación Cultural Peis D’Hos, e o Museo Massó organiza os obradoiros “Que quero facer de maior?” (para a cativada de 4 a 6 anos) e “Redes de mallo” (de 7 a 12 anos). A xornada culminará ás 18 horas co concerto do grupo mozo Sumergi2.
Durante a xornada está programada a recollida de tapóns para a súa doazón á Asociación Juan XXIII de Cangas; e tamén de alimentos para o Banco de Alimentos de Vigo- Pontevedra.
Nesta edición, e como novidade, creouse como mascota un ourizo cacho que foi elixida por toda a comunidade educativa de Bueu debido a que é un animal que representa a sabedoría e a curiosidade, así como a resiliencia e a fortaleza.
O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado “Oceans of Culture, Culture Of Oceans”, no que se analizou xunto a outros seis países europeos como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. O proxecto tomou como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organizada en anos anteriores polo mesmo instituto.
O Concello leva dende o comezo apoiando este festival porque é un espazo de dinamización de propostas coa mocidade como protagonista.

