Segundo recolle a lei, quen non o faga exponse a multas coercitivas, sancións e a unha execución subsidiaria pola que tamén terá que aboar as custas
O Concello de Nigrán informa a todos os propietarios de parcelas forestais da obrigatoriedade de limpalas antes do 31 de maio, tal e como recolle a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. A obriga é de todo o ano, pero esta data é a límite ao comezar a época de alto risco, unha vez pasada, o Concello pode entrar a limpar pola vía da execución subsidiaria —e pasar a correspondente factura ao propietario— ademais de impoñer multas coercitivas de 900 € por hectárea cada tres meses mentres persista o incumprimento e abrir o expediente correspondente, con sancións que poden ir dos 1.000 aos 10.000 € (art. 22 da Lei 3/2007).
O Concello recorda que a lexislación obriga a manter unha franxa de 50 metros limpa de biomasa arredor de vivendas, núcleos urbanos, urbanizacións, gasolineiras, cámpings, depósitos de lixo e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte. Tamén arredor das edificacións illadas en solo rústico. Nesa franxa non pode haber piñeiro galego, piñeiro do país, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrey, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra, eucalipto, breixo, carqueixa, xesta, fento, silva nin toxo.
“O verán está á volta e o lume tamén. En Galicia, cada parcela sen rozar é unha mecha máis, e en Nigrán somos desgraciadamente moi coñecedores dos danos que poden provocar os incendios forestais”, incide o alcalde, Juan González, en referencia ao graves lumes de 2017.

