“Talento sen límite” da Deputación conclúe que as barreiras no mundo deportivo pasan pola falta de visibilidade, recursos e recoñecemento

Redacción

A segunda edición desta iniciativa, posta en marcha inicialmente como “Nena e deporte”, reuniu hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel a once representantes do ámbito deportivo para analizar, ao redor de dúas mesas redondas, os desafíos actuais que debe afrontar a sociedade para lograr que o deporte sexa máis inclusivo

O vicepresidente segundo da institución provincial, César Fernández, foi o encargado de clausurar esta xornada, que reuniu a máis dun cento de persoas, co obxectivo de trasladar unha mensaxe clara de que en Ourense “seguiremos a loitar para que ningunha barreira free o potencial dos nosos rapaces e rapazas”

A iniciativa “Talento sen límite” posta en marcha pola Deputación de Ourense vén de concluír que as barreiras actuais no mundo deportivo pasan pola falta de visibilidade, recursos e recoñecemento real. Estas foron algunhas das conclusións ás que chegaron os once representantes do ámbito deportivo (adestradores, clubs, árbitros, deportistas…) nas dúas mesas redondas que protagonizaron hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, para analizar os desafíos actuais que debe afrontar a sociedade para lograr que o deporte sexa máis inclusivo.

Esta segunda edición, posta en marcha o ano pasado baixo o lema “nena e deporte”, ten esa vocación de continuidade co obxectivo de traballar, desde o goberno provincial, a prol dun territorio máis xusto, igualitario e que poña en valor o talento que hai nos máis diversos ámbitos, incluíndo o deportivo.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, foi o encargado de clausurar esta xornada que reuniu a máis dun cento de persoas, co obxectivo de trasladar unha mensaxe clara de que en Ourense “seguiremos a loitar para que ningunha barreira free o potencial dos nosos rapaces e rapazas”.

Compromiso provincial por un deporte sen barreiras

Neste sentido, César Fernández comprometeuse a seguir traballando desde a Deputación de Ourense a “derrubar” esas barreiras que aínda existen a día de hoxe para contribuír a que todo sexa “máis doado e equitativo para o todo mundo”.

Mostra dese compromiso é “Talento sen límite”, unha “declaración de intencións e o noso compromiso: queremos unha provincia onde calquera neno ou nena, viva en Ourense capital ou no concello máis pequeno da nosa montaña, saiba que pode chegar ata onde a súa vontade lle leve, garantindo que todos teñen as mesmas oportunidades”, sinalou o vicepresidente segundo da Deputación.

Ademais, César Fernández lembrou que ese compromiso do goberno provincial co deporte tamén se ten materializado no incremento orzamentario destinado a este ámbito, polo que se pasou de 350.000 a 550.000 euros as axudas a clubs deportivos, de 30.000 a 50.000 nas axudas a deportistas individuais e de 60.000 a 80.000 no apoio aos eventos deportivos.

Dúas mesas de debate: dúas visións xeracionais

“Talento sen límite” acolleu dúas mesas de debate con persoas de recoñecida traxectoria profesional no ámbito deportivo. A primeira contou con directivos, adestradores e deportistas que coñeceron unha época do deporte diferente á de hoxe onde “conciliación” e “igualdade” non existía. E, a seguinte mesa, expuxo a visión actual que teñen os mozos e mozas dando boa conta dos avances que houbo nesta materia, pero demostrando que aínda queda traballo por facer.

En ambos casos, os relatores coincidían na necesidade de levar a cabo cambios estruturais como: máis apoio institucional, mellores competicións, máis accesibilidade, mellorar a conciliación, maior visibilidade ao deporte feminino e aos seus referentes, ofrecer igualdade de oportunidades reais e contribuír a que as mozas atopen a motivación necesaria para poder dedicar esforzo e traballo ao deporte.

Participantes nas mesas de debate

Na primeira mesa participou Mario Gómez, presidente do Rosalía, do club feminino de Ourense; Bea Seijas, ex adestradora do Ourense Ontime de fútbol sala e primeira goleadora da Selección de fútbol Sala; Suso Garrido, adestrador principal do Durán Maquinaria Ensino da liga feminina Endesa; Marta Alastrué, mellor deportista de Galicia en 1989 e a gran apoderada do tenis galego; Natalia Gómez, adestradora e directiva do Ximnasia Pavillón; e Blanca García, adestradora e directiva do club Asesou.

Na segunda mesa protagonizada por mozos e mozas que compiten na actualidade déronse cita Abrahan Dapía, árbitro asistente de primeira división Ourensano; Alicia Flores, xogadora do ensino Lugo, equipo da máxima categoría en España e nomeada muller con máis proxección española do baloncesto; Izan Regueira, xogador ourensán do Real Madrid que participou nos adestramentos da Selección Española Sub19; Martín Fernández, corredor do equipo La Purísima proclamado actualmente campión do mundo Feddi en Expourense; Iván Pacios; campión do mundo de escalada de velocidade.

Comparte este artigo