– Os alcaldes de Nigrán e Cuntis, membros da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, atópanse no país centroamericano
– Auga e saneamento, xestión de residuos, enerxías renovables ou igualdade de xénero son algunhas das áreas prioritarias para as comunidades rurais
Raxruhá (Guatemala), 7 de maio de 2026. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a estudar sobre o terreo posibles vías de colaboración co municipio guatemalteco de Raxruhá en áreas como o abastecemento de auga, os sistemas de depuración, a xestión de residuos sólidos, a implementación de enerxías limpas ou a promoción da igualdade de xénero. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, e mais o rexedor de Cuntis e vogal do Fondo Galego, Manuel Campos, desprazáronse á zona esta semana, canda a coordinadora técnica, Andrea García, para identificar futuros proxectos conxuntos.
A Corporación de Raxruhá, co alcalde Rigoberto Corleto á cabeza, recibiu á delegación o pasado martes e presentou os principais desafíos que enfronta este municipio rural de 40.000 habitantes, de maioría indíxena q’eqchí, onde o 36% da poboación vive na pobreza extrema e a taxa de analfabetismo chega ao 53%. A seguir, visitaron o vertedoiro municipal e mantiveron encontros con representantes dos Consellos Comunitarios de Desenvolvemento de distintas aldeas, como San Miguel Sechochoc, Secaham ou Benitzul. Alí puideron escoitar os testemuños de primeira man da veciñanza que carece de subministro eléctrico ou das mulleres e a rapazada que teñen que percorrer longas distancias para conseguir auga limpa.
Do mesmo xeito, os alcaldes de Nigrán e Cuntis foron intercambiando experiencias coas autoridades locais sobre a xestión da auga, o saneamento, o lixo ou as taxas municipais, achegando exemplos prácticos dos seus concellos. Para hoxe está prevista a visita ás aldeas de Damasco e San José El Tesoro, mentres que mañá haberá unha nova xuntanza con representantes políticos e persoal técnico de Raxruhá para tirar conclusións da estadía e establecer os acordos iniciais. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade busca así apoiar os esforzos locais a prol dun desenvolvemento inclusivo e sustentable nesta vila do Departamento de Alta Verapaz, o máis empobrecido de Guatemala e cunha desigualdade acentuada, que se traduce na exclusión das poboacións indíxenas e rurais.
Proxectos en Guatemala
Aínda que Guatemala é un país prioritario para a Cooperación Galega, non o ten sido para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No entanto, a entidade apoiou desde o ano 1998 un total de 14 proxectos no país centroamericano -5 deles xeito directo- aos que achegou máis de 233.000 euros. Dotación de infraestruturas, reconstrución de vivendas, soberanía alimentaria, participación social, equidade de xénero ou dereito á educación foron algúns dos ámbitos de actuación, case sempre a través de ONGD galegas.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 120 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 29 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

