O Porriño convértese no epicentro das letras coa Feira do Libro do 14 ao 17 de maio

Redacción

● Desde o pregón da Libraría Paz ata obradoiros de seres fantásticos e teatro familiar, o programa busca converter o libro no protagonista absoluto do lecer porriñés.

O Barrio de San Bieito acollerá desde este xoves a Feira do Libro do Porriño, unha cita imprescindible para os amantes da lectura que contará cunha ampla representación de librarías, autores e actividades culturais para todas as idades.

O evento, que se estenderá ata o domingo 17 de maio, ofrecerá un desconto do 10% en todos os libros. O horario de apertura será de 11:30 a 14:00 h e de 17:30 a 21:00 h, agás o xoves (só pola tarde) e o domingo, que pechará as súas portas ás 20:00 h.

Unha programación para todos os públicos

A feira arrancará oficialmente o xoves 14 ás 18:00 h co acto inaugural e o pregón a cargo da Libraría Paz, precedido pola actuación musical das Cantareiras Fonteliño. Destaca o rexedor, Alejandro Lorenzo, a historia desta libraría no Porriño, apuntando a importancia das librarías para afianzar o comercio local. “Co desconto do 10% en todos os exemplares, esta é a oportunidade perfecta para que os a cidadanía porriñesa apoie o sector libreiro e leven a cultura ás súas casas. Convido a todo o mundo a participar nos obradoiros e a compartir este tempo cos autores e autoras que nos visitan.”

Entre os pratos fortes da programación destacan as actividades infantís e familiares, con obradoiros de biblioterapia como “Contos que curan” , o espectáculo “Os Xogos do Paporrubio” e diversas sesións de teatro con Pablísimo e a compañía Pedras de cartón.

Haberá, claro, encontros literarios coa presentación de Mulleres que viven xuntas de Abril Camino ou a actividade de lecturas compartidas “Ler o que les” con Lucía Aldao, Silvia Penas e Samuel Merino o domingo.Tamén obradoiros: o sábado pola tarde, David Rodríguez guiará aos asistentes nun curioso obradoiro sobre os seres fantásticos de Galicia.

Autores nas casetas

Un nutrido grupo de escritores darase cita nas casetas das librarías participantes (Libraría Paz, Porto, Bahía Ribadeo, Copi-Rey, Uróboros, Boulevar e A Gata Tola) para asinar os seus últimos traballos. Entre os autores confirmados figuran Manuel Esteban, Amara Castro Cid, Samuel Ferro, Carlos Gabriel Fernández e Alba López Geada, entre moitos outros.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros poden realizar a súa inscrición a través do sitio web oficial da Federación de Librarías de Galicia (www.librarias.org).

Actividades infantís

A Feira contará cun completo programa de actividades pensadas para todas as idades.
Dentro destas actividades o Concello do Porriño ten programado un contacontos que se levará a cabo no barrio de San Bieito o vindeiro 15 de maio (con dúas representacións, ás 11 e ás 12 horas, de 40 minutos de duración cada unha).

Mireia Casal, artista e especialista en desenvolvemento infantil, trasladrá o seu espectáculo de contacontos ao barrio de San Bieito na data 15 de maio , para o disfrute dos nenos/as do noso Concello.

Como extensión do seu programa de biblioterapia infantil, “Contos que curan” (unha colección de boletíns que se publican periodicamente desde a biblioteca, para previr e xestionar distintos problemas emocionais na infancia), a biblioteca do Porriño ofrece tamén distinta sesións de contacontos nas instalacións da biblioteca.

Desde marzo a xuño, os segundos xoves de cada mes ás 17:30, a contacontos Mireia Casal escolle un dos contos recomendados na publicación para leer ao nenos e nenas de 3 a12 anos de idade.

Estas funcións van destinadas ao alumnado de 6º de Educación Infantil dos centros educativos do Porriño e ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Mosende, o que fai un total de 169 alumnos/as.
“Esta Feira do Libro é moito máis que un mercado de novidades editoriais; é a porta a universos infinitos que abrimos para toda a veciñanza do Porriño. Queremos que nenos, nenas e adultos se acheguen á carpa de actividades para gozar dunha programación que mestura literatura, música e teatro”, dixo Lorenzo.

Esta edición da Feira do Libro está organizada pola Federación de Librarías de Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo