Ponteareas presenta na Casa de Galicia de Madrid o Corpus Christi como un gran polo de atracción cultural e turística

Redacción

A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, protagonizaron na capital de España un acto no que participou o pregoeiro deste ano, Rafael Carracedo, e no que se degustaron os produtos enogastronómicos máis representativos da localidade

A edición 2026 do Corpus Christi de Ponteareas promete ser unha das máis completas e diversificadas da súa longa historia de máis de dous séculos de arte floral e patrimonio inmaterial. O completo programa que o Concello ten deseñado para as próximas semanas manterá a súa esencia de poñer no centro das celebracións a tradición e a arte dos alfombreiros locais, aspirando a conquistar aos veciños e veciñas, e aos milleiros de visitantes que se espera recibir durante os festexos, a través de actividades para todos os gustos e adaptados para todas as idades.

Esta mañá, na Casa de Galicia de Madrid, a comitiva ponteareá encabezada pola alcaldesa Nava Castro e polo tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, presentou ante o público asistente o programa de actividades desta edición, que arranca oficialmente este mesmo xoves 14 de maio e que celebrará o seu último acto o 5 de xullo. Máis de 60 actos impulsados polo goberno local a través das súas diferentes áreas de goberno que de seguro servirán para fortalecer o polo de atracción turística no que cada ano converte a celebración o Corpus Christi a Ponteareas.

Xunto aos máximos representantes municipais, participou na presentación o Director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, quen recalcou que o Corpus de Ponteareas “transcende o ámbito relixioso” para converterse nunha expresión colectiva da cultura popular galega, construída xeración tras xeración grazas á implicación da veciñanza e ao compromiso compartido por preservar unha tradición única e cualificou as alfombras confeccionadas como “auténticas obras de arte efémera”, destacando que condensan “moitos dos valores que fan de Galicia Calidade: excelencia, esforzo compartido, tradición, creatividade e unha visión aberta ao mundo”.

Pola súa banda, Nava Castro salientou que “o Corpus é un espectáculo que rende homenaxe a toda unha tradición de séculos de historia, que se mantén cunha saúde de ferro e cunha proxección de futuro envexables”. Sobre a dimensión que esta festividade posúe actualmente e máis despois de ser recoñecida en 2009 como Festa de Interese Turístico Internacional e declarada como Ben de Interese Cultural, a alcaldesa asegurou que “o Corpus é ademais dunha festa das flores, un pasaporte que fai viaxar o nome de Ponteareas por todo o mundo. O recoñecemento internacional é un impulso importantísimo para que nos coñezan máis alá das nosas fronteiras”.

Na mesma liña, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, sinalou na súa intervención que “todos, veciños e visitantes, teñen unha cita coas nosas raíces na que consideramos a nosa noite máis longa do ano, que dá paso ao día máis especial do calendario, cando a procesión do Santísimo percorra o centro sobre as alfombras florais que o pobo lle presenta como ofrenda baixo unha chuvia de flores e pétalos, o que o converte nunha cita única”.

No acto de presentación tamén participou o pregoeiro do Corpus 2026, Rafael Carracedo, que actualmente reside en Madrid polo seu posto na Garda Real. El será o encargado de ler o pregón o próximo domingo 31 de maio, ás 13.00h, no Concello de Ponteareas, acompañado polo Quinteto Revirado.

Os participantes no evento estiveron acompañados dunha mostra artesanal dunha alfombra, realizada in situ na Casa de Galicia de Madrid para amosar o saber facer do pobo de Ponteareas nas datas previas a que arranque oficialmente a celebración do Corpus Christi. Unha vez rematado o acto, degustáronse algúns dos produtos típicos da localidade, como o requeixo con mel, a marmelada de pementos de Guláns, as rosquillas ou o albariño da zona.

O Concello de Ponteareas ten accesible o programa en formato dixital na seguinte ligazón:

PROGRAMA CORPUS CHRISTI PONTEAREAS 2026

Alfombras florais para recibir ao Papa León XIV

Este 2026 o Papa León XIV realizará unha viaxe apostólica a España que terá paradas en Madrid, Barcelona e Canarias. Precisamente nos actos nos que o Pontífice visitará a capital do país, entre os días 6 e 9 de xuño, confeccionaranse dúas alfombras conmemorativas do Corpus en honra á Súa Santidade, unha por parte da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas e a outra de ponteareanos en Madrid.

Comparte este artigo