O Concello de Covelo, coa financiación da Deputación de Pontevedra, inicia este sábado 16 de maio o programa de visitas ao Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera cunha primeira xornada de portas abertas destinada a divulgar e poñer en valor un dos elementos patrimoniais máis destacados do municipio.
A actividade contará cun pase único en horario de 9:45 a 11:45 horas. As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán realizar inscrición previa no teléfono 654 500 652.
O Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera constitúe un dos exemplos máis singulares do barroco rural galego. O complexo está formado pola Igrexa de San Martiño, construída no ano 1676 por orde do Mosteiro de Melón, e pola emblemática Casa Reitoral, coñecida pola súa espectacular fachada barroca con elementos ornamentais únicos.
Entre os elementos máis destacados da fachada atópanse gárgolas decorativas, figuras inspiradas na mitoloxía helénica e un Atlante sostendo unha esfera, nunha composición artística de gran valor simbólico e patrimonial. O conxunto sitúase ademais nun enclave privilexiado con amplas vistas ao val da contorna.
Con esta iniciativa, o Concello de Covelo continúa apostando pola difusión do patrimonio histórico-artístico local, fomentando o turismo cultural sostible e promovendo actividades culturais abertas á veciñanza e ás persoas visitantes.
O programa desenvolverase ao longo do ano con novas visitas organizadas en distintas datas, contribuíndo á dinamización cultural e turística do municipio e complementando a oferta vinculada ao turismo de natureza.
Desde o Concello destacan a importancia de seguir impulsando accións que permitan conservar, divulgar e dar a coñecer o importante patrimonio histórico de Covelo.

