Tras o seu aprazamento a pasada fin de semana debido ás condicións meteorolóxicas, o tradicional curro da Valga (Loureza) celebrarase finalmente este domingo 17 de maio, converténdose na primeira gran cita da tempada dos curros galegos.
A xornada desenvolverase ao longo de todo o día arredor dunha das tradicións máis emblemáticas da Serra da Groba, reunindo veciñanza e visitantes nun encontro no que se mesturan patrimonio, natureza e identidade local. Tradicionalmente se celebra o segundo domingo de maio, se ben este ano foi posposto ao seguinte domingo por mor da previsión de chuvia.
Desde primeira hora da mañá terá lugar o proceso de xuntanza dos cabalos, que comezará arredor das 9.00 horas e se prolongará ata o mediodía, momento no que está prevista a chegada dos cabalos ao recinto da Valga.
O momento central da xornada terá lugar pola tarde, arredor das 17.00 horas, co desenvolvemento das tradicionais tarefas de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais. Unha vez rematados estes labores, as bestas volverán quedar libres no monte, mantendo viva unha práctica ancestral profundamente ligada á cultura e ao territorio da Serra da Groba.
O curro da Valga mantén ademais o seu carácter festivo e comunitario, ofrecendo unha oportunidade única para vivir de preto unha tradición que continúa moi presente na memoria e na vida da comarca.
Actividades arredor dos curros
Coincidindo coa celebración do curro, desenvolverase tamén a programación divulgativa e participativa “No corazón dos curros”, organizada por Amodo Turismo baixo a marca Saberes do Monte, coa colaboración do Concello de Oia e das asociacións organizadoras dos curros de Oia.
A proposta para o día 17 de maio incluirá obradoiros pensados para todos os públicos, co obxectivo de achegar os valores culturais, patrimoniais e naturais asociados ao mundo dos curros e ao cabalo do monte. Entre outras actividades, haberá calcomanías coas marcas das burras, calco de figuras de petróglifos de cabalos e gravado de petróglifos en arxila. Estes obradoiros serán gratuítos e se accederá por orde de chegada e ata fin de existencias.
Por outra parte, a véspera do curro haberá un paseo guiado polos arredores do curro e turbeiras da Valga (sábado 16 ás 18.00 horas). Neste caso, a actividade será baixo reserva, con prazas limitadas e cun prezo de 12 euros para persoas adultas (consultar descontos en tarifa infantil). As inscricións poden facerse no teléfono/whatsapp 677783296.
Tras a cita da Valga, os seguintes curros en Oia serán os de Torroña (primeiro domingo de xuño) e Mougás (segundo domingo de xuño).
Coidado do entorno
Con motivo da celebración dos próximos curros, o Concello de Oia lembra que non está permitida a acampada e que se reforzarán as tarefas de vixilancia para evitar prácticas non autorizadas.
Así mesmo, solicítase a colaboración das persoas asistentes para coidar o medio natural, respectar o arborado e as áreas sensibles e facer uso dos contedores habilitados, contribuíndo a manter o entorno limpo e en boas condicións.

